Esta mañá deron comezo nos centros de ensino de Santiago de Compostela as accións formativas para o alumnado da oitava edición do Enreguéifate. Desde hoxe e até o 18 de novembro, serán un total de once colexios e institutos do municipio compostelán os que acollerán a vintena de obradoiros, da man das formadoras Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, O Rabelo e Xairo de Herbón.
Arrinca así en Compostela unha das principais accións do proxecto Enreguéifate, impulsado polos concellos de Santiago, Ames, Carballo, Pontevedra e Teo, que ten como obxectivos principais que a mocidade aprenda métodos de improvisación oral de xéneros galegos que van desde a regueifa até os atranques do Entroido do Ulla.
Ademais, coa realización dos obradoiros sobre as diversas formas de improvisación poética tamén se procura promover a participación do alumnado dos centros escolares galegos no certame de regueifas en vídeo. O prazo de participación no Enreguéifate estará aberto do 20 de xaneiro ao 20 de marzo de 2025 e a inscrición poderá facerse dende a páxina web do certame (www.enregueifate.gal), onde xa están dispoñibles as bases.
Co lema Enreguéifate, puro magnetismo!, esta oitava edición volverá contar con dúas categorías: xeral e escolar. Como novidade, este ano amplíanse de seis a oito os premios por cada unha delas. Así, amais dos xa tradicionais regueipremios para a regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada e mellor falada, este ano tamén haberá galardóns para a regueifa máis inclusiva e a máis entroideira. Os galardóns entregaranse nunha gala que este ano volverá ser un fin de festa conxunto dos proxectos Enreguéifate e Regueifesta.