Da pel do atún a filmes biodegradables: unha tese da USC abre novas vías para a economía circular

A investigación de Cristina Gallego optimiza a extracción de xelatina mariña con técnicas sostibles e demostra a súa aplicabilidade como alternativa aos plásticos convencionais
Da pel do atún a filmes biodegradables: unha tese da USC abre novas vías para a economía circular
A tese, desenvolvida no marco do proxecto ILFISH, foi publicada en Food Hydrocolloids.

A conversión de residuos da industria pesqueira, en concreto a pel do atún, en xelatina funcional para a fabricación de films biodegradables é unha solución sostible que pecha o ciclo de valorización dos subprodutos mariños. Este foi o percorrido da tese da investigadora de CRETUS da USC, Cristina Gallego Rodríguez, dirixida polos docentes do Departamento de Enxeñaría Química Ana María Soto Campos e Héctor Rodríguez Martínez.


Na actualidade, a preocupación pola sustentabilidade e a economía circular impulsa a procura de novas estratexias para aproveitar os recursos mariños de forma eficiente e respectuosa co medio ambiente. Neste sentido, a valorización de subprodutos da industria pesqueira para obter compoñentes de valor engadido representa unha oportunidade para minimizar residuos. Con todo, os métodos tradicionais de extracción utilizan substancias químicas e son moi custosos en termos de enerxía, polo que se busca avanzar cara a técnicas máis limpas e sostibles.


O principal obxectivo desta tese foi optimizar o proceso de extracción de xelatina a partir da pel de atún para maximizar o rendemento e as propiedades do produto final. Atopouse que o esquema de proceso máis axeitado para conseguir unha xelatina de alta calidade era o consistente nunha primeira etapa de maceración da pel no disolvente eutéctico a baixa temperatura, seguida dunha etapa simple de extracción con auga morna. 

 

Ademais, durante a súa estadía na School of Food & Nutritional Sciences da University College Cork (Irlanda) cursada grazas ao programa de mobilidade de CRETUS, Cristina puido avaliar a aplicabilidade da xelatina obtida na fabricación de filmes bio-baseados, coa idea de ofrecer unha alternativa aos plásticos convencionais.


Os resultados demostraron a posibilidade de obter xelatina apta para a elaboración de filmes biodegradables, cun importante potencial de aplicación en sectores como o da industria alimentaria, o que supón unha solución innovadora e sostible para a industria dos materiais.

Tribunal y directores
A tese foi cualificada cun sobresaliente cum laude | CRETUS

O traballo "Valorización da pel de peixe empregando disolventes eutécticos" desenvolveuse no marco do proxecto ILFISH, dentro do Grupo de Procesos de Separación Sostibles da USC. Os principais resultados foron publicados en Food Hydrocolloids, revista de grande impacto internacional. O tribunal que acordou por unanimidade a cualificación de sobresaliente cum laude presidiuno Robin D. Rogers, da University of Alabama (Estados Unidos), que estivo acompañado polo profesor da USC Daniel José Franco Ruiz e pola profesora Sagrario Beltrán Calvo, da Universidade de Burgos. 

Da pel do atún a filmes biodegradables: unha tese da USC abre novas vías para a economía circular

Te puede interesar