O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) vén de abrir a convocatoria da súa décima edición das bolsas de verán ‘CiQUS Summer Fellowships’, unha iniciativa dirixida a estudantes universitarios de grao en Química ou titulacións afíns que desexen iniciarse no mundo da investigación científica.
O programa, que terá lugar entre o 1 e o 31 de xullo, permitirá ao alumnado seleccionado traballar man a man con persoal investigador en proxectos de vangarda, coñecer de primeira man a dinámica dun centro de excelencia científica e aprender a utilizar equipos e instrumentación avanzada nun ambiente estimulante e colaborativo.
Durante o mes de estadía, as persoas bolseiras poderán asistir a seminarios científicos internos e conferencias de expertos internacionais, integrándose plenamente na vida académica e investigadora do CiQUS, un dos centros de referencia da USC.
Cada bolsa está dotada con 750 euros brutos, e a convocatoria inclúe tamén axudas adicionais para desprazamentos: ata 250 euros para estudantes de fóra de Galicia e 80 euros para quen proceda de outros concellos galegos.
As persoas interesadas deberán acreditar ter superado o 55% dos créditos do grao en Química ou estudos relacionados (como Bioloxía, Bioquímica, Farmacia ou Física) e contar cunha nota media igual ou superior a 8.
A solicitude deberase presentar antes das 23:59 horas do día 3 de xuño a través da Sede Electrónica da Universidade de Santiago de Compostela, empregando o formulario oficial e dirixindo a documentación ao CiQUS.