Santiago converterase desde este luns nunha sala de cine ao aire libre coa chegada do ciclo “Cine baixo as estrelas de verán”, unha das propostas elixidas pola mocidade compostelá no marco dos Orzamentos Participativos da área de Xuventude. Durante cinco noites consecutivas, a Alameda acollerá a proxección dalgúns dos grandes clásicos familiares da década dos 80.
O ciclo arrincará o luns coa proxección de O club dos poetas mortos, para continuar o martes con ET, o mércores con Gremlins, o xoves con A morta séntavos tan ben, e o venres con Os Goonies. Todas as sesións serán de acceso libre e gratuíto e comezarán ás 22.30 horas, no paseo central da Alameda.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, destacou que esta actividade permitirá gozar de grandes películas “cos que medramos na década dos 80”, e subliñou a oportunidade que supón para moitas familias revivir eses filmes cos seus fillos e fillas.
O cine ao aire libre foi unha das propostas máis votadas no proceso participativo, no que a mocidade compostelá decidiu o destino de 100.000 euros do orzamento municipal. A iniciativa máis apoiada tamén está relacionada co audiovisual: un proxecto para dar visibilidade a novos e novas creadoras, combinando proxeccións e concertos en directo.
Entre outras actividades escollidas polos participantes atópanse:
Nesta edición participaron preto de 1.400 mozos e mozas, o que supón un incremento do 20% respecto á convocatoria anterior, segundo informou a Concellaría de Xuventude.
O paseo central da Alameda será así un dos principais escenarios culturais do verán compostelán, abrindo o calendario de actividades elixidas pola propia mocidade a través dun proceso participativo que, segundo Rozas, “consolídase ano a ano como ferramenta de participación e dinamización xuvenil”.