Coa cámara na man para capturar a beleza de Santiago

Andrea Regueiro é unha namorada de Compostela, cidade que retratou coa súa réflex durante os anos de carreira e na que se sente coma na casa, o que se demostra no agarimo contido nas súas fotografías
Coa cámara na man para capturar a beleza de Santiago
'Retratos de Compostela' | Andrea Regueiro.

Cadaquén ten unha maneira diferente de ollar o mundo. Ese xeito único de mirar reflicte, dalgún modo, quen somos e quen aspiramos a ser. Cada persoa é única e polo tanto ten unha visión propia daquilo que o rodea. 

 

Hai suxeitos e lugares que nos marcan, que quedan impresos na retina e no cerebro para a fin dos días. Porén, co tempo estes poden sufrir alteracións. Para non esquecer, hai quen opta por gravar o recordo de maneira que perdure no tempo sen cambios de ningún tipo. É o que fai Andrea Regueiro coa súa cámara.

 

AndreaRegueiro
Andrea Regueiro, fotografada por ela mesma.

 

A fotografía namorou a Andrea desde os seus primeiros anos. Esa arte de capturar imaxes a través da luz entrou na súa vida en silencio, de xeito casual. O feito de ter pais divorciados fixo que tivese acceso a un teléfono móbil desde nena para poder contactar con eles, e de paso aproveitaba para sacar algunha fotografía do que ía vendo. “Cando fixen a comuñón xa me regalaron a cámara réflex, e así, pouco a pouco e dunha ou outra forma, fun creando esa afección”.

 

Cando fixen a comuñón xa me regalaron a cámara réflex, e así, pouco a pouco e dunha ou outra forma, fun creando esa afección

 

Rematado o instituto decidiu estudar xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela: “Quería ser reporteira de guerra, desas que van sacar fotos aos conflitos bélicos”. Desde ese momento a súa vida estivo especialmente ligada ao fotoxornalismo, xa que “era unha maneira de vincular as dúas disciplinas, fotografía e xornalismo, porque o que me gusta é contar a realidade baixo o meu punto de vista”.

 

O que me gusta é contar a realidade baixo o meu punto de vista

 

Retratos de Compostela

 

Durante a súa etapa universitaria Andrea tivo tempo abondo para descubrir todos os segredos da capital de Galicia. Aproveitou para patear as numerosas rúas que a compoñen, sempre coa cámara na man: “Se algo me chamaba a atención, quitáballe unha foto. Dedicábame sobre todo a fotografar xente, e co tempo fun elaborando proxectos máis grandes”. Así, ten unha serie de instantáneas localizadas na Praza do Obradoiro que compoñen un dos seus álbums máis ambiciosos.

 

FotoAndreaObradoiro
Fotografía pertencente á colección 'Retratos de Compostela' | Andrea Regueiro

 

Outra das ideas que levou á realidade foi un compendio de historias que foi recompilando dos múltiples artistas de rúa que tocan cada día nos recunchos da cidade.

 

As fotografías que Andrea tomou da cidade reflicten o que é para ela: “Santiago é maxia. É ese sitio no que podes ver a cinco persoas de partes diferentes do mundo, xuntas, compartindo emocións. É algo que non vexo noutras cidades, esas sensacións. É un lugar con xente diversa, pero para a que todos Compostela é casa”.

 

Santiago é maxia. É ese sitio no que podes ver a cinco persoas de partes diferentes do mundo, xuntas, compartindo emocións. Un lugar con xente diversa, pero para a que todos Compostela é casa

 

Unha foto versátil 

 

O traballo de Andrea non se limita á fotografía de rúa. Dado que é a súa profesión, traballa man a man con empresas. Entre os eidos que se move destacan a fotografía de concertos, a corporativa ou a de produto, e tamén está especializada en marketing: “Fixen dous mestrados ao rematar a carreira, un en marketing dixital e xestión comercial e outro en SEO avanzado co obxectivo de dar un servizo completo a calquera que precise dos meus coñecementos”, explica. 

 

Ultimamente leva a cabo moitas sesións de parella e con frecuencia cobre concertos: “Tento darlle visibilidade, sobre todo, aos grupos galegos. Comecei indo a concertos coa miña cámara e pouco a pouco funme metendo neste ámbito. Despois xa fun a festivais contratada por revistas, e agora combino entre traballo pola miña conta ou encargos de empresas”.

 

Tento darlle visibilidade, sobre todo, aos grupos galegos. Comecei indo a concertos coa miña cámara e pouco a pouco funme metendo neste ámbito

 

Pero, ante todo, a paixón de Andrea son os animais, “son a miña vida, encántanme”. Por iso tamén ten experiencia en fotografar aos máis mimados da casa: “Se xa me gusta que me pidan sesións de normal, imaxina cando me chega unha familia que quere fotos cos cans!”.

 

De feito, ten en mente facer un proxecto no futuro en colaboración con protectoras de animais “para axudarlles en todo o que poida. Non xa a nivel económico, que xa o fago, senón a través do meu traballo”.

 

FotoAndreaPeregrino
Andrea reflicte a súa paixón polos animais na súa fotografía. | Andrea Regueiro

 

Entre todo isto, tamén saca tempo para proxectos persoais. Entre outros, elaborou unha fotorreportaxe sobre o confinamento durante a covid-19 e outra sobre a ansiedade. O social é unha temática recorrente nas súas obras: “Sempre intento forzarme a facer proxectos, aínda que non estean publicados pero que me axudan a seguir. A fotografía social, en concreto, paréceme moi pura. Gústame fixarme nas pequenas cousas que non vemos normalmente”.

 

A fotografía social, en concreto, paréceme moi pura. Gústame fixarme nas pequenas cousas que non vemos normalmente

 

Se un estuda con detemento a fotografía de Andrea verá que é moi natural, “non me van os posados. Para os meus clientes fago como que non estou, traballo e despois vemos o resultado”.

 

Este estilo é froito de anos de experiencia e autoformación, dado que non fixo máis que un curso de fotografía cando era pequena: “Foi todo a base de practicar. Se miro a evolución desde as miñas primeiras fotos ata as de hoxe, é brutal. Fun collendo ollo visual, observando o traballo doutros fotógrafos…”

 

Agora, como autónoma, ofrece os seus servizos como fotógrafa e como especialista en márketing a calquera que o desexe. Só hai que contactar con Andrea vía Instagram ou a través da súa páxina web. Desde o momento da sesión nun prazo dunha semana envía as fotografías, que antes pasan por un proceso de revelado mínimo: “Non edito con Photoshop, pero si que son partidaria de que a foto necesita uns axustes de luces básicos”. 

 

Nun futuro agarda poder manter esta profesión que tanto a apaixona: “O meu plan, se che son sincera, non é outro que vivir da fotografía”.

Coa cámara na man para capturar a beleza de Santiago

Te puede interesar