Comeza a Festa do Banquete de Conxo

A celebración, que recupera o espírito do histórico banquete de 1856, encherá Santiago de actividades desde este venres 23 ata o domingo 25 de maio
Comeza a Festa do Banquete de Conxo
Imaxe dunha edición pasada da Festa do Banquete de Conxo

A Festa do Banquete de Conxo, unha das citas máis singulares e participativas da primavera compostelá, arranca este venres coa súa sexta edición, cun programa cargado de propostas culturais, música, literatura, artesanía e actividades para todos os públicos.

 

 

A celebración arrinca esta noite co tradicional ciclo de Cantos de Taberna, que comezará ás 21:00 horas en varios bares de Conxo —A da Chara, Caimán, Mallos, Marlo e a cantina da comisión— e contará coa participación dos grupos Can de Ghaiteiro, Colexiata de Sar, Esfolladores, Muiñeiros do Sarela, Recandea e Sapamamas.

 

Un sábado de rutas, poesía, música e mocidade

O sábado 24 comezará ás 11:30 h cun paseo literario guiado por Henrique Alvarellos titulado As voces do bosque, que percorrerá a memoria do espazo de Conxo desde a Idade Media ata o exilio republicano. Para participar é preciso inscribirse previamente.

 

Ao longo da xornada, a praza Aurelio Aguirre converterase no centro de numerosas actividades, incluído o Mercado do Libro, con 11 expositores, sinaturas de autoras como Isabel Portela e presentacións de editoras como Hércules Edicións. A isto súmase unha mostra de artesanía ao vivo, con ceramista, ferreiro e construtor de instrumentos tradicionais, así como espectáculos de títeres e teatro infantil, pensados para as familias.

 

 

A mocidade tamén terá protagonismo coa sesión vermú organizada polo Centro Xove da Almáciga, con concertos de Patrick e Ginko Bilova, e a Festa da Poesía na noite do sábado, conducida por Claudia Pino e coa participación de poetas e músicos como Clara do Roxo, Iris Abril ou Leticia Rey.

 

Domingo: desfile, pregón, romaría e foliada

O domingo 25, día central da festa, comezará co desfile histórico de estudantes e artesás, guiado polos Quinquilláns, que partirá da praza do Toural ás 11:00 h rumbo a Conxo. Na praza Aurelio Aguirre, mentres tanto, ofrecerase o concerto Let’s Folk da man do grupo Suzukiños.

 

Ás 13:45 h terá lugar o pregón, a cargo de representantes das parroquias convidadas: Xosé Neira (Aríns) e Manuel Cespón (Figueiras). A continuación, iniciarase o banquete popular, seguido dunha romaría e serán tradicional, con brindes veciñais e actuacións de grupos como Os Fondaos do Pífaro, Devagarinho de Villestro, a Asociación de Música e Baile Tradicional de Conxo e moitos máis.

 

A xornada pecharase ás 18:30 h cun pregón de despedida da escritora Teresa Moure, veciña de Aríns.

 

Transporte, tren especial e reforzo da liña 5

Para facilitar a participación, porase en marcha o tradicional Tren do Banquete de Conxo, un percorrido gratuíto en tren turístico entre a Alameda e Conxo, con prioridade para familias, persoas con mobilidade reducida e asistentes vestidos de época.

 

Ademais, a liña 5 do transporte urbano reforzará os seus servizos durante a fin de semana, asumindo os horarios de días laborables tanto o sábado como o domingo, e incorporando extensións especiais ao Hospital Provincial e a Vite de Arriba.

 

Con esta edición, o Banquete de Conxo consolídase como unha festa popular que celebra a cultura, a identidade e a memoria, e que transforma un barrio histórico de Compostela nun escenario de encontro colectivo, participación cidadá e tradición viva.

Comeza a Festa do Banquete de Conxo

Te puede interesar