Compostela alcanza un récord de 131 distintivos de calidade turística SICTED

Compostela alcanza un récord de 131 distintivos de calidade turística SICTED
Foto de familia dos representantes dos establecementos

Santiago de Compostela continúa reforzando a súa aposta pola calidade turística. A cidade conta xa con 131 empresas e servizos distinguidos co selo SICTED, unha cifra que marca un novo récord dende a recuperación deste sistema de calidade en 2018, cando apenas 60 establecementos recibiron esta distinción.

 

O acto de entrega dos distintivos tivo lugar este martes na Casa das Asociacións de Cornes, onde representantes do sector turístico compostelán destacaron a importancia deste recoñecemento para seguir consolidando un turismo baseado no valor engadido e a excelencia.

 

 

 

 

Unha aposta pola calidade como sinal de identidade

A concelleira de Turismo, Míriam Louzao, subliñou durante o evento que "a calidade é unha ferramenta necesaria para desenvolver un novo modelo turístico na cidade, que aposte máis polo valor engadido que polas meras cifras". Segundo explicou, Compostela debe seguir avanzando cara a un turismo sustentable e diferenciado, apoiándose en establecementos e servizos que garantan unha experiencia óptima aos visitantes.

 

Tamén fixo referencia ao esforzo que se está a realizar nas redes sociais do SICTED, un traballo que xa deu os seus froitos, pois Santiago obtivo o Segundo Premio á Mellor Visibilidade do Destino en Medios, entregado no marco de Fitur.

 

Recoñecemento ao sector e á conservación do patrimonio

No acto tamén interveu o deputado provincial de Patrimonio, Xosé Penas, quen puxo en valor o papel das empresas e profesionais do sector turístico no coidado e promoción do patrimonio. "O respecto máximo polo que nos rodea, o patrimonio inmaterial dun país milenario e mesmo o medio ambiente e a paisaxe, fan de Galicia un territorio singular", destacou.

 

 

A entrega dos distintivos contou tamén coa participación de Flavia Ramil, xerente de Turismo de Santiago, e de Joaquín Rubal, presidente da Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia, ademais de representantes de diversas entidades que conforman a Mesa de Calidade Turística.

 

Con este novo récord de distintivos, Compostela segue consolidándose como un destino de referencia, apostando pola excelencia e a diferenciación no sector turístico.

 
 
 

Compostela alcanza un récord de 131 distintivos de calidade turística SICTED

Te puede interesar