A comunidade da USC reforza o seu compromiso ambiental reciclando case 30.000 envases

Foi a primeira universidade de Galicia en formar parte do Sistema de Devolución e Recompensa de Ecoembes
A comunidade da USC reforza o seu compromiso ambiental reciclando case 30.000 envases
O sistema ofrece diversas recompensas a través da práctica da reciclaxe | Santi Alvite

As sete máquinas Reciclos da USC recibiron dende a posta en funcionamento do programa, no ano 2022, un total de 29.834 envases, entre latas (2.820) e botellas (26.581). Grazas ao Sistema de Devolución e Recompensa de Ecoembes co que a USC colabora, as persoas usuarias só teñen que descargarse a app gratuíta Reciclos, depositar todas as súas latas e botellas de plástico de bebidas na máquina e, ao acabar, escanear o QR que se lles mostrará. Ao facelo, obteñen puntos, denominados Reciclos, que poden cambiar por distintas recompensas dispoñibles.


As primeiras máquinas instaláronse en Santiago a finais de 2022 na Escola Técnica Superior de Enxeñaría, en Matemáticas, no módulo central das facultades de Psicoloxía e Ciencias da Educación, en Ciencias Económicas e Empresariais e na Biblioteca Concepción Arenal. A elas sumáronse, xa en 2024, a da Residencia Universitaria Burgo das Nacións en Compostela e a da Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo.


O sistema ofrece diversas recompensas a través da práctica da reciclaxe e, dende os seus inicios, os puntos Reciclos puideron ser trocados por accións como colaborar co Banco de Alimentos ou con Oceánidas, para axudar a conservar o fondo mariño. Ademais, o programa tamén serviu para poñer o foco no Día Mundial da Loita contra o Cancro de Mama que se conmemora cada 19 de outubro, ao poder realizar doazóns para a Asociación Española contra o Cancro. Tal e como destaca o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo Costa, o programa Reciclos “contribúe, a través dun xesto tan sinxelo como é o da reciclaxe, a potenciar o respecto polo medio ambiente e subliña o compromiso da USC cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible”.


Este sistema de reciclaxe está implantado na cidade de Santiago de Compostela tamén dende 2022, onde centos de contedores amarelos xa contan coa tecnoloxía Reciclos, podendo a veciñanza recibir recompensas polas latas e botellas de plástico xeradas nos seus fogares. No caso da USC, “os datos evidencian o compromiso da comunidade universitaria coa práctica da reciclaxe” a través do Sistema de Devolución e Recompensa de Ecoembes, explica Feijoo Costa, unha experiencia pioneira nos campus universitarios galegos.

A comunidade da USC reforza o seu compromiso ambiental reciclando case 30.000 envases

Te puede interesar