As actuacións de mantemento de viarios urbanos que tradicionalmente se intensifican nos meses de verán para aproveitar condicións meteorolóxicas máis favorables, súmanse obras de reurbanización importantes como a que se está realizando en Puente la Reina ou a que comezará a vindeira semana en García Lorca, así como as obras do barrio verde de Pontepedriña.
Segundo indica o concelleiro de Servizos Básicos e Vías e Obras, Xesús Domínguez, “nestes traballos inclúense a maioría das incidencias que recollemos a través de canles de participación cidadá, como por exemplo a liña verde, porque tan importantes para a calidade de vida da veciñanza son os pequenos arranxos como as grandes obras de reurbanización”.
No apartado de mantemento, concretamente no relativo á reparación de pavimentos de chapacuña, neste momento estase actuando na avenida de Coimbra, mentres que para a vindeira semana comezarán os arranxos na zona de Bonaval, Campo da Angustia, Rúa do Medio e Rosario. Xa se executaron reparacións nas rúas Tras Santa Clara, Hospitaliño e praciña das Penas.
Outro tipo de actuacións de mantemento son a rehabilitación de firmes asfálticos, tanto as reparacións puntuais como as actuacións integrais, que durante os meses estivais abranguen dezaoito actuacións. Xa se executaron traballos de reparación de firme nas rúas Divina Pastora, Travesa da Estrada, Amio, Edison, de la Cierva, Nobel, Monte dos Postes, Sionlla de Arriba, na incorporación a Fontiñas desde a SC-20 e no acceso na mediana da rúa de Roma.
Na rúa da Vía realizáronse labores para mellorar a drenaxe. Para finais de agosto e comezos de setembro, quedan programadas actuacións na rúa da Estrada, que se executará coordinadamente co asfaltado na rúa Castiñeiro, na rúa das Canteiras do Sar que se coordinará co asfaltado na rúa de Mouronzón, nas rúas da Muíña con Porto de Amio e Mariñeira, na rúa das Mulas, na rúa do Tambre e na rúa dos Irmandiños.
As intervencións de accesibilidade, que comezaron o pasado mes de maio coa obra do cruzamento entre as rúas Xeneral Pardiñas e República del Salvador, continuaron nos meses de verán rematando xa as actuacións na praza do Campo de San Clemente e nas rúas do Río, Lavadoiro, Avío e Irmandiños. Neste momento, estase traballando na rúa Betanzos e nas vindeiras semanas continuarase polas rúas dos Xasmíns, Varsovia, Berlín, Dublín, Outeiro de Sar, Hórreo e avenida de Quiroga Palacios coa costa do Vedor.
Cabe lembrar que en cada un destes emprazamentos se estudou minuciosamente o cumprimento da normativa en materia de accesibilidade, formulando propostas que tenden a acortar os itinerarios peonís, reducir os desniveis e dispoñer a sinalética oportuna para garantir a seguridade para todas as persoas.
Neste apartado tamén se inclúe a execución dos pasos de peóns elevados na rúa dos Loureiros e das Rodas. Estas dúas obras implántanse de forma estratéxica en itinerarios escolares: o cruzamento da rúa dos Loureiros coas rúas do Campiño do Carme e da Estila, que forma parte do Colecamiños, e o paso elevado na rúa das Rodas para mellorar o acceso á escola infantil Galiña Azul desde a Algalia de Abaixo.