O Concello vai adquirir, en concreto, un vehículo autobomba pesado de primeira saída, unha autobomba urbana lixeira, e un vehículo lixeiro eléctrico para inspección operativa. O concelleiro de Convivencia explicou que “os camións de similares características cos que contan a día de hoxe os bombeiros teñen máis de vinte anos, e polo tanto a súa renovación servirá tamén para mellorar as condicións de seguridade dos propios traballadores”. Ademais, apuntou Xan Duro, “esta adquisición trae aparalleda a renovación de moito material que vai incorporado nos propios vehículos, permitirá ter duplicidade de medios para atender dúas intervencións similares ao mesmo tempo, e abre a posibilidade de liberar un vehículo que será destinado a uso específico do rural”.
O primeiro dos vehículos que se vai adquirir é unha autobomba urbana pesada, un vehículo de primeira intervención que deberá ser construído, carrozado e equipado específicamente para o Concello de Santiago. Terá unhas dimensións máximas de 7,3 metros de longo, 2,360 de ancho, e 3,3 metros de altura total, incluído o equipamento. O orzamento para este camión será 774.400 euros (IVE incluído) e o prazo máximo de entrega a partir da firma do contrato será de 16 meses.
O segundo lote da licitación aprobada hoxe é para a compra dunha autobomba urbana lixeira, cun presuposto de 636.460 euros (IVE engadido) e un prazo de entrega tamén de 16 meses. Será un vehículo cunha masa máxima autorizada de 16.000 kg, e cunha distancia máxima entre eios de 3,5 metros.
Por último, o expediente de licitación aprobado hoxe inclúe a adquisición dun vehículo lixeiro eléctrico para inspección operativa, cun orzamento de 81.680,48 euros (con IVE). Trátase dun vehículo auxiliar de salvamento, que terá un prazo máximo de entrega de seis meses desde a sinatura do contrato.