A Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais pón en marcha un proxecto piloto para favorecer a conciliación familiar durante o período lectivo e ofrecerlle apoio escolar aos nenos e nenas, priorizando as familias monomarentais e migrantes. Trátase da chamada “Eduteca”, un programa impulsado desde a Unidade Municipal de Atención ás Migracións, a UAMI, en colaboración coa ONG Movemento pola Paz. A concelleira María Rozas anunciou a iniciativa, que se vai desenvolver no Centro Sociocultural da Trisca.
A presentación do proxecto foi realizada pola tenenta de alcaldesa, acompañada polo coordinador técnico e delegado do Movemento pola Paz, Aarón Mayo, e polo técnico de intervención social Jorge Mato. María Rozas explicou que esta iniciativa nace como proxecto piloto “pero con vocación de consolidarse e extenderse no tempo”.
O obxectivo, apuntou, “é favorecer a conciliación da vida familiar durante o curso escolar, porque ainda que o habitual é ofrecer programas de conciliación durante os períodos de vacacións, as dificultades das familias mantéñense durante todo o ano”.
A “Eduteca” será un espazo de convivencia e encontro dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, no que haberá sesións de estudo pero tamén actividades máis lúdicas, deseñadas para abordar diferentes temáticas como habilidades sociais, resolución de conflitos, educación pola paz ou interculturalidade.
O proxecto funcionará no Centro Sociocultural da Trisca de luns a venres, en horario de 15.30 a 19.00 horas. Poderán inscribirse os nenos e nenas que estean empadroados en Santiago e matriculados nalgún centro de ensino do municipio, cursando Primaria, con prioridade para as familias migrantes e monomarentais.
Para poder participar as persoas proxenitoras, titoras ou acolledoras legais deberán dispoñer dun contrato de traballo en vigor, ou ben estar en situación de procura activa de emprego. Ademais, a renda da unidade de convivencia non poderá superar o límite de tres veces o IPREM anual, isto é, un máximo de 25.200 euros brutos anuais.
O prazo para presentar as solicitudes estará aberto do 23 ao 26 de setembro, e o formulario debe enviarse ao correo electrónico migracions@santiagodecompostela.gal. Tamén participarán nenos e nenas que sexan derivadas polos Servizos Sociais municipais, polos centros escolares de Santiago, ou polo propio Movemento pola Paz.