A alcaldesa de Santiago e presidenta do Consello Reitor do Auditorio de Galicia, Goretti Sanmartín, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asinaron este xoves o convenio para o financiamento de actividades do Auditorio de Galicia en 2025 cunha dotación de 300.000 euros, 100.000 máis ca o anterior.
"Coincidimos coa Deputación da Coruña en que a cultura sexa un dereito, que sexa o pan noso de cada día", manifestou a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, tras a sinatura do convenio. A rexedora municipal destacou o traballo en favor dunha cultura inclusiva e o obxectivo de facela chegar a todo o mundo.
O acordo ten por obxectivo apoiar a ampla oferta de actividades musicais, escénicas, patrimoniais, e de artes visuais desenvolvidas por este organismo xestor da actividade cultural compostelá; unha programación diversa e de alto nivel que transcende os límites municipais e comarcais para se dirixir ao ámbito provincial e nacional, atendendo e reafirmando o rol de Compostela como capital cultural do país.
Dende que en 2004 lle foi encomendada en pleno municipal a xestión da actividade cultural do Concello de Santiago, o Auditorio vén consolidando unha liña de traballo que aposta pola calidade, a estabilidade e a innovación. Unha oferta deseñada dende a concepción da cultura como dereito que presenta á cidadanía e visitantes da cidade propostas e espectáculos dun amplo abano de disciplinas, con especial atención aos traballos e artistas do país e aos de creadoras e creadores emerxentes, e que fai do Auditorio e de Compostela espazos de referencia para quen busca novas experiencias culturais.
No seu desenvolvemento, e ante a escaseza de financiamento autonómico, esta subvención nominativa da Deputación da Coruña resulta, un ano máis, esencial, pois supón o 79% do orzamento total, que ascende a 379.065 €. Entre as actividades deste 2025 ao abeiro do convenio a música ocupa un lugar central, nunha estratexia que conxuga a posta en escena de programas e repertorios clásicos co apoio á creación e difusión de músicas e propostas sonoras vangardistas.
O programa de abono da Real Filharmonía de Galicia, o Ciclo de Lied, as Contemporáneas, ou o Encontro internacional de Soundpainting son algunhas das propostas financiadas no ámbito musical. Nel gárdase tamén lugar para a presentación de traballos e propostas de artistas locais, como Faia ou Abe Rábade, así como para a conmemoración de traxectorias referenciais no tecido musical do país, como é o caso de Uxía ou Sumrá, alén de iniciativas como aRi[t]mar nas que conflúen música, improvisación, poesía e irmandade lingüística.
No ámbito das artes escénicas, o convenio permite traer a Compostela montaxes de compañías de referencia e tamén apoiar a creación local en espectáculos de teatro, danza, circo e novas linguaxes que reforzarán a diversidade da programación. Ademais de consolidar o Auditorio e o Teatro Principal como referentes na programación escénica estatal, e de favorecer o diálogo entre producións locais e foráneas, a alianza ten por finalidade a fidelización de públicos e a atracción de novas audiencias grazas ao tecido dunha programación de calidade.
A difusión do patrimonio material e inmaterial da cidade é outras das liñas de acción contempladas, a través do financiamento das actividades enmarcadas baixo o selo Patrimonio C, que tamén atenden ao patrimonio vivo de Compostela que se atopa en continuo e constante crecemento.
Outras propostas como as Xornadas de Ilustración Urbana ou o Festival C, con actividades arredor da danza, o circo, o cinema e a tradición oral galega, amplían a diversidade desta programación coa que Deputación e Concello reforzan o papel Santiago como motor cultural da provincia. Coa súa sinatura, ambas as institucións confirman a vontade compartida de que a programación que nace na cidade sirva de escaparate e punto de encontro para toda a cidadanía, facendo da cultura un elemento de cohesión, de diálogo e de proxección cara ao futuro.