A danza universitaria conquista o Teatro Principal: Compostela acolle a elite das compañías galegas

O Encontro Universitario de Danza celebra a súa 23ª edición os días 8 e 9 de abril con acceso libre e gratuíto
A danza universitaria conquista o Teatro Principal: Compostela acolle a elite das compañías galegas
Un momento do ensaio de Redes, a peza da USC, co seu director Juan Carlos Zahera en primeiro plano

A cultura universitaria sube ao escenario grande da cidade. O Teatro Principal de Santiago converterase nunha pasarela de talento e creatividade coa celebración do 23º Encontro Universitario de Danza (EUD), un dos eventos máis destacados da Primavera Cultural da USC, que terá lugar os días 8 e 9 de abril.

 

Nesta nova edición, o EUD reúne as creacións das tres universidades públicas galegas, nunha mostra aberta ao público con entrada libre e gratuíta. Participan a Compañía de Danza da USC, a Aula de Danza do Campus de Ourense (UVigo) e a Aula de Danza da Universidade da Coruña, convertendo Compostela no epicentro da danza contemporánea universitaria galega.

 

Coreografías que conectan co público

O programa arranca o martes 8 ás 20:30 horas coa proposta da Universidade da Coruña: "hyphē", unha creación colectiva con mediación de Javier Martín. A seguir, subirá ao escenario a Compañía de Danza da USC co espectáculo "REDes", unha peza coral que reúne as compañías dos campus de Santiago, Lugo e Sen Vergoña baixo a dirección de Juan Carlos Zahera e a coreografía de Rosa Acuña.

 

Xa o mércores 9, será a quenda da Aula de Danza do Campus de Ourense coa obra "Máis tarde, cá cedo", dirixida por Nuria Sotelo e coreografiada por Ainoa Linaza. O broche de ouro virá de novo da man da USC, que repetirá representación de "REDes".

 

"REDes", unha danza feita con alma e redes mariñeiras

A montaxe da USC destaca non só pola forza da interpretación –a cargo de 16 bailaríns e bailarinas das distintas compañías da universidade– senón tamén pola súa aposta estética e conceptual. A peza conta con proxeccións de vídeo de Iria Estévez e poesía de Sabela Rodríguez, mentres que o vestiario foi creado con redes recicladas cedidas por Redeiras de Aguiño, Cangas e o mariñeiro Suso de Cangas do Morrazo.

"REDes" é unha mostra de como a danza pode ser creación colectiva, compromiso social e ecoloxía escénica.

A danza universitaria conquista o Teatro Principal: Compostela acolle a elite das compañías galegas

Te puede interesar