Décadas de cultura ao son da Banda Municipal de Música de Santiago

Desde o ano 2021 e ata o pasado xullo, a batuta estivo na man de David Fiuza Souto, que foi quen de levar a bo porto as aspiracións dunha agrupación que destaca pola súa calidade artística
Décadas de cultura ao son da Banda Municipal de Música de Santiago
Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela | Luis Terceiro

A Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela é unha das máis antigas da comunidade e, á par, unha das máis prolíficas. Creada no ano 1848 foi evolucionando ao longo das décadas ata converterse no que é hoxe, unha das máis importantes fontes de cultura da capital galega

 

Cunha ampla bagaxe ás súas costas, David Fiuza, que xa fora director da Banda Municipal de Lugo, da Banda de Lalín e da Banda Municipal de Palma de Mallorca, entre outras moitas, decidiu presentarse ás probas da de Santiago por ser “unha banda de referencia nunha cidade que absorbe moita cultura”, indica. 

 

Directorbanda
David Fiuza, dirixindo un concerto na Praza das Praterías | Luis Terceiro

 

Fiuza xa dirixira a agrupación en catro ocasións coma convidado, ademais de ser un gran seguidor da mesma. Por ese mesmo motivo coñecía ben o seu funcionamento e, por proximidade, a idiosincrasia da cidade, o que lle permitiu presentar un proxecto que respectaba a súa natureza á par que incorporaba novas ideas que poderían complementar o bo facer da banda

 

Unha vez nomeado director, todo fluíu: “A adaptación foi moi fácil. Coñecía xa a todos os músicos, polo que ese camiño no trato persoal con cada un dos compañeiros estaba xa andado e puxérono todo moi fácil. É unha agrupación moi flexible e con moitas ganas de traballar”, asegura David Fiuza.

 

A banda municipal de Santiago é unha agrupación moi flexible e con moitas ganas de traballar

 

Repertorios esixentes

 

A banda de Santiago está formada por músicos con praza adquirida vía oposición. Son, por tanto, grandes profesionais desta disciplina, o que ademais esixe que se demostre sobre os escenarios.

 

Cada semana é posible escoitar un repertorio diferente. Durante o curso os concertos son en domingo, e durante o verán, os xoves na Praza das Praterías. Isto implica que os ensaios se fan durante a semana, de martes a venres polas mañás durante o inverno e en temporada alta os martes, mércores e xoves. Os domingos destínanse a acudir a barrios en festas, porque, ademais, a banda de Santiago caracterízase por facer moitos actos protocolarios e procesións fóra de temporada.

 

O inxente traballo que levan a cabo os músicos repercute á súa vez no tecido cultural de Compostela: “É unha agrupación profesional que ofrece cultura todas as semanas. A día de hoxe isto non pasa en todas as cidades, é unha sorte que a nosa poida gozar desta rutina de concertos”, sentenza Fiuza.

 

É unha agrupación profesional que ofrece cultura todas as semanas. A día de hoxe isto non pasa en todas as cidades, é unha sorte que a nosa poida gozar desta rutina de concertos

 

Os concertos de domingo, como norma xeral, fanse no Teatro Principal, pero hai ocasións nas que se desprazan ao Auditorio de Galicia. “Tanto o ambiente coma o público son diferentes en cada un. O Auditorio é a catedral do son que hai en Galicia, aí facemos repertorio complexo. O teatro é un lugar emblemático onde acode público moi tradicional, e nel ofrecemos pezas máis populares”.

 

Respecto aos concertos de Praterías, David cualifícaos coma “estimulantes” pola mestura de nacionalidades que neles se atopan. Os músicos coinciden ao aseverar que son encontros memorables: “Ver a praza e esas escaleiras cheas de xente é un gusto. Pola proximidade física que temos co público, son concertos máis íntimos”, indica Carlos Cabaleiros, trombonista da banda de Santiago.

 

Traballo en equipo

 

O bo facer da banda de Santiago é resultado da implicación tanto do seu director coma dos músicos que compoñen a formación. Estes últimos teñen por diante o compromiso de estudar un repertorio esixente en menos dunha semana, con todo o que iso implica.

 

Bandasantiago
Compoñentes da Banda Municipal de Música | Luis Terceiro

 

O repertorio é escollido polo director en base a unha temática que define cada temporada. O último ciclo de concertos desenvolveuse baixo o programa ‘Postais’ no que en lugar de entregar programas de man aos asistentes se repartiron postais elaboradas polo artista Alejandro Piñeiro. A selección de obras estivo directamente ligada á estampa repartida: se a postal era de Canarias, o repertorio era canario, por exemplo.

 

Para os músicos é motivador afrontar cada semana o estudo de novas partituras, aínda que o reto é grande: “É difícil atopar o equilibrio entre sacar o programa adiante cun nivel mínimo, que debe ser alto, e ao mesmo tempo profundar nas obras e traballar con calma”, explica Fiuza. 

 

Á parte do estritamente musical, a banda municipal de Santiago caracterízase por facer un labor de promoción moi coidado e adaptado á actualidade. Teñen redes sociais e nelas móvense con soltura. Dous músicos da agrupación, Carlos Cabaleiro López e Braulio Cao Ledo, están detrás delas. 

 

Cando aínda era director Romero Llopis, este solicitou a colaboración de alguén para renovar a imaxe da agrupación e Cabaleiro animouse: “Empezamos por carteis de temporada e seguimos por redes, acabando incluso por facer gravacións dos concertos. Agora demos un paso máis e facemos vídeos dun minuto onde o director convida o público aos concertos, ofrecendo datos do día, lugar e hora e achegando información sobre as obras que imos tocar”, explica.

 

 

 

Agora traballan por recompilar un arquivo audiovisual para ter un recordo fixo dos concertos da banda, algo semellante ao que hai uns anos o citado Carlos Cabaleiro, xunto coa tamén integrante da banda Judith Rey Iglesias, fixeron coa publicación do libro ‘Re-encontros musicais’, un libro de entrevistas que dá a coñecer aos antigos músicos da banda: como foron os seus inicios, por que se dedicaron á música, canto tempo estiveron na banda… e aos que a banda de Santiago debe a súa razón de ser.

 

Coa axuda da Asociación de Amigos da Banda e do seu presidente, Javier Loira, conseguiron levar a bo porto un proxecto que reivindica o labor destes músicos xa xubilados. Cabaleiro explica que “para eles non foi unha época doada. Moitos dedicábanse ao mundo das orquestras de baile, nas que gañaban máis que na banda, pero cando esta empezou a profesionalizarse dedicáronse integramente a ela. Fixeron un grande esforzo para que a banda municipal non desaparecese, e nós estarémoslle sempre moi agradecidos”.

 

A banda municipal de música de Santiago é hoxe un referente para Compostela pero tamén para outras cidades, e non queren esquecer o legado dos que antes formaron parte dela. 

 

Décadas de cultura ao son da Banda Municipal de Música de Santiago

Te puede interesar