Reportaxe | Devoción pola música: da aula de ensaio a unha infinidade de escenarios

A orquestra do Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela, baixo a batuta de Carmen Ferreiro Soto, interpreta un repertorio potente por diferentes salas de Galicia e mesmo fóra das fronteiras
Reportaxe | Devoción pola música: da aula de ensaio a unha infinidade de escenarios
Orquestra Sinfónica do Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela

Hai persoas ás que non lles falta ambición. Tal foi a forza que moveu a Carmen Ferreiro Soto, directora da orquestra do Conservatorio Profesional de Música de Santiago, a levar a súa agrupación alén das nosas fronteiras. 

 

Os conservatorios de música son centros educativos nos que o alumnado vai a aprender sobre o seu instrumento, sobre ritmo, melodías e harmonías pero, dado que se trata dunha disciplina artística, a proxección do traballado cara a un público é parte esencial do proceso de aprendizaxe

 

É habitual que se realicen audicións trimestrais nas que se interpretan as pezas traballadas durante os meses anteriores. O conservatorio de Santiago ten un auditorio no que realizar estas actuacións, pero ás veces sabe a pouco. Saír do espazo coñecido axuda a incrementar a motivación e a afrontar con máis interese o reto de preparar un repertorio. Por iso Carmen decidiu dar o paso e levar a orquestra que dirixe a novos escenarios

 

Só neste curso xa estiveron en Ponferrada e en Vigo, ademais de en varios puntos da capital galega, como o Auditorio de Galicia e a Cidade da Cultura. Organizar as viaxes non é tarefa sinxela, máis aínda cando hai desprazamentos de por medio que supoñen un desembolso. 

 

Porén, esta orquestra, ademais de estar apoiada pola dirección do conservatorio, destaca pola súa capacidade de autofinanciamento, xa que a súa participación en certames e concursos repercute, en ocasións, en premios con dotación económica. Sen ir máis lonxe, todas as actividades que levan facendo este ano foron sufragadas grazas a un premio na Mostra Musical do Eixo Atlántico

 

Un repertorio esixente

 

O repertorio escollido para cada concerto está fiado ao máis fino. Ademais de Carmen, a orquestra conta coa colaboración de varios profesores do conservatorio que tocan na propia agrupación e que axudan á directora na elección das obras a interpretar. Son Roberto Santamarina Fernández (violín), Olga Alexandrovskaya (violín), Mónica Silva García (viola), María Jesús Hervás Brull (violonchelo) e Juan Vicente Cañada Valverde (contrabaixo).

 

A dinámica organizativa é simple pero eficaz: Carmen envía unha proposta de repertorio ao grupo de WhatsApp que ten co profesorado da orquestra, e de aí os compañeiros valoran a súa idoneidade. Entran varios factores en xogo, pero o principal é o padrón de músicos que conformarán a orquestra, xa que ao ser unha agrupación de conservatorio o número de integrantes -e de instrumentos- cambia cada ano. 

 

Orquestraenvigo
A orquestra durante unha actuación no Conservatorio Superior de Vigo | CEDIDA

 

Este ano a temática americana foi o leitmotiv dunha parte de importante dos concertos da orquestra do conservatorio. Compositores do outro lado do Atlántico coma George Gershwin, Aaron Copland e Silvestre Revueltas foron os protagonistas, en parte polo ávido desexo de Carmen Ferreiro por traballar as súas obras co alumnado. 

 

Fue un reto para los chavales, han tenido que enfrentarse a un lenguaje nuevo con ritmos muy complejos”, asegura Carmen facendo alusión aos compases irregulares que colman algunha das obras. Á parte, está o desafío de comprender o estilo americano, que difire do que o alumnado do conservatorio está afeito a interpretar.

 

Fue un reto para los chavales, han tenido que enfrentarse a un lenguaje nuevo con ritmos muy complejos

 

Antón Quintás é violonchelista na orquestra e corrobora as palabras de Carmen: “o repertorio foi duro pero tamén moi chulo. Eu penso que a todos nos encantou tocalo”. Destaca que no seu caso persoal lle levou tempo introducirse no repertorio, pero que “co tempo as obras vanse entendendo”. 

 

Unión e motivación

 

A orquestra xera vínculos. Malia seren un grupo grande, é difícil que alguén quede desvinculado porque todos se axudan en conxunto. Á parte, a organización interna axuda a favorecer a unión: a orquestra está distribuída por cordas capitaneadas por delegados, que transmiten calquera información ao resto do grupo para que todos estean ao tanto das decisións que se toman. 

 

A paixón por tocar na agrupación tamén se contaxia. Segundo Carmen Ferreiro, “es gratificante ver la evolución a lo largo del año, nos motiva a los profesores y a los propios alumnos”. 

 

Nisto ten moito que ver o bo aproveitamento dos ensaios. Traballan como nas orquestras profesionais, fragmentando o horario por obras e sabendo de antemán que se mirará, de modo que o estudo na casa se volve indispensable para sacar o máximo partido ás dúas horas semanais nas que se reúnen. 

 

Así e todo, unha grande ambición tamén require de sacrificios. Máis dunha vez teñen efectuado ensaios extraordinarios fóra do horario lectivo, en sábados, para pulir o repertorio ao máximo. Por suposto, esa é a razón que explica que a orquestra poida render en cada escenario que pisa. 

 

Orquestraenconser
A orquestra ante un auditorio ateigado de público | CEDIDA

 

“Os concertos fóra do conservatorio son un sacrificio pero tamén son os máis divertidos, ao final estamos máis tempo xuntos e podemos socializar, cousa que durante os ensaios é difícil”, apunta Antón Quintás. “Ter concertos fóra é unha oportunidade para tocar o repertorio para diferente público e en diferentes espazos, que ao final é o máis interesante”, engade.

 

Carmen Ferreiro Soto e o resto do profesorado xa se atopan barallando o rumbo que tomará a orquestra no curso que vén. Aínda non poden avanzar exclusivas, pero semella que traerán de novo unha recompilación de obras potentes que non deixarán indiferente a ningún oínte. Resta saber en que novas salas nos deleitarán coa súa música.

Reportaxe | Devoción pola música: da aula de ensaio a unha infinidade de escenarios

Te puede interesar