A disforia de xénero, protagonista este venres en Compostela

A disforia de xénero, protagonista este venres en Compostela
O artista Euyín Eugene

O Salón Teatro do Centro Dramático Galego acollerá este venres 13 de xuño, ás 20.00 horas, unha mostra aberta ao público do traballo en proceso do artista Euyín Eugene, realizada no marco da súa estadía nas Residencias Paraíso 2025, impulsadas polo Colectivo RPM. A entrada será libre ata completar capacidade.

 

A proposta que Eugene desenvolveu nas últimas semanas leva por título Tuerce, un proxecto de investigación artística centrado na disforia de xénero e na súa expresión a través das prácticas de artistas trans e non binarios. A peza busca crear espazos de reflexión e diálogo, abordando as tensións do sistema sexo-xénero desde a experiencia encarnada e desde a creación contemporánea. O creador colaborou nesta etapa coa artista sonora Íren Márquez Dos Santos, coa que deu forma a un dispositivo escénico sensorial onde conflúen voz, corpo e paisaxe sonora.

 

Corpo, xénero e arte como resistencia

Nacido en Petare (Venezuela), Euyín Eugene é unha persoa transmasculina non binaria, con formación en Arte Dramática e unha traxectoria centrada na performance e a xestión cultural. A súa obra articúlase arredor de temas como a migración, o poder, o xénero e a memoria histórica, e foi presentada en espazos como La Casa Encendida, o Museo Reina Sofía ou Espacio Afro. No caso de Tuerce, Eugene propón unha pregunta clave: “Que diría a disforia se puidese falar a través dun corpo?”, á que responde cunha proposta que torce, altera e desnaturaliza as normas impostas polo sistema.

 

Un proxecto dentro dunha rede de apoio á creación contemporánea

As Residencias Paraíso, nas que se inscribe este proxecto, son unha iniciativa do Colectivo RPM en colaboración con diversas institucións galegas e coa Axencia Galega das Industrias Culturais. Nacidas en 2017, estas residencias acompañan proxectos galegos, estatais e portugueses vinculados á danza e ás artes vivas, ofrecendo espazos para a investigación, creación e técnica en distintas localidades de Galicia.

 

No caso de Eugene, a residencia desenvolveuse entre a Cidade da Cultura e o Salón Teatro, e culminará coa mostra deste venres. Ademais, o artista participará en setembro nun encontro anual na Illa de San Simón xunto ao resto de seleccionados da edición 2025.

A disforia de xénero, protagonista este venres en Compostela

Te puede interesar