O Padroado da Fundación Down Compostela acordou por unanimidade recoñecer o traballo da psicóloga e exdirectora da fundación Marta Rodríguez Lorenzo, do investigador e catedrática da USC Antonio Rodríguez Núñez e da empresa Seur Geopost, concedéndolles os Premios Down Compostela 2025 por facilitar a integración social e laboral das persoas con Síndrome de Down ou discapacidade intelectual.
Os galardóns entregaranse o vindeiro 20 de marzo na gala que se celebrará na sala Mozart do auditorio de Galicia e na que as persoas con Síndrome de Down e discapacidade intelectual volverán ser as protagonistas, xa que presentarán o acto e entregarán a escultura de Cándido Pazos que simbolizan estes premios, que celebran a súa dudodécima edición. O acto comezará ás 19.30 horas para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down, que se celebra ao día seguinte tras a decisión da ONU de dedicar o 21-3 ás persoas con Trisomía 21 dende o ano 2012.
Con estes galardóns, o Padroado da Fundación quere recoñecer a contribución de Marta Rodríguez ao desenvolvemento de Down Compostela durante os case 25 anos que traballou como directora da entidade, sendo un referente para as familias e poñendo en marcha moitos dos programas que contribuíron a mellorar a calidade de vida das persoas con síndrome de Down.
De Antonio Rodríguez Núñez resáltase a súa visión para contar coas persoas con trisomía 21 e ter en conta assúas aportacións nalgunhas das investigacións que dirixe dende o IDIS, e tamén por facilitar a sensibilización do alumnado de Enfermería da USC.
Tamén se recoñece a aposta que Seur fixo en Santiago de Compostela por incorporar ao mercado laboral a persoas con discapacidade intelectual, contratando hai tres anos a Manuel Otero
O Padroado da Fundación, nunha reunión extraordinaria celebrada o 18 de febreiro, acordou por unanimidade conceder os galardóns, en base aos seguintes argumentos:
Por ser un referente para todas as familias e profesionais de Down Compostela durante os máis de vinte anos que traballou como directora da Asociación e da Fundación, poñendo en marcha moitos dos programas que contribuíron a mellorar a autonomía e calidade de vida das persoas con Síndrome de Down e discapacidade intelectual.
Como psicóloga, Marta Rodríguez formou parte da primeira unidade de Atención Temperá que se creou no hospital de Santiago en 1980, labor que continuou despois no seu gabinete profesional. Formou parte da directiva da Asociación Galega de Atención Temperá e tivo unha contribución significativa na elaboración do primeiro Libro Branco de Atención Temperá, unha obra de referencia en toda España.
En 1999 aceptou a proposta dunha ducia de familias e decidiu cambiar todo o que tiña construído para convertese na primeira profesional de Down Compostela e iniciar unha aventura que hoxe segue máis viva ca nunca.
Por facer visible e ter en conta as achegas das persoas con Síndrome de Down e discapacidade intelectual en diferentes investigacións que lidera dende o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) e facilitar a sensibilización do alumnado da facultade de Enfermería da USC, na que é catedrático.
Xefe de sección de Pediatría Crítica, Coidados Intermedios e Paliativos Pediátricos do CHUS e máster en Bioética, Antonio Rodríguez demostrou a través de estudos científicos que as persoas con Síndrome de Down poden realizar manobras de reanimación cardiopulmonar.
Tamén puxo de manifesto as capacidades do colectivo para salvar a vida doutras persoas e para tomar decisións sobre a súa propia saúde.
Pola súa aposta pola inclusión laboral de persoas con síndrome de Down ou discapacidade intelectual e polo seu forte compromiso coa responsabilidade social, facendo efectivo o dereito ao traballo e garantindo a igualdade de oportunidades.
En 2022, Seur Geopost incorporou ao seu cadro de persoal en Santiago a Manuel Otero cun contrato indefinido. Dende entón, e ademais de crecer persoal e profesionalmente, Manuel puido demostrar a súa valía, contribuíndo a visibilizar as súas capacidades e habilidades.
Orgullo de formar parte de Seur, Manuel é un exemplo de normalización, autonomía, compromiso, responsabilidade, perseveranza e compañeirismo. Grazas á confianza depositada polos directivos da empresa na súa valía e no servizo de emprego con apoio de Down Compostela, o soño de Manuel de poder traballar e formar parte dun equipo fíxose realidade.
Grazas á Seur Geopost por crer nas persoas con discapacidade e contribuír á inclusión real e efectiva, demostrando que as persoas con síndrome de Down ou discapacidade intelectual teñen cabida nesta empresa.