Reportaxe | Así é o traballo dun guía turístico en Santiago de Compostela

Juan Alonso Blanco e Francisco Pena Rives levan once anos descubríndolle a milleiros de turistas as historias detrás das cidades que visitan. Catro anos lévanos divulgando a biografía de Santiago, que segue a espertar o interese de miles de viaxeiros
Reportaxe | Así é o traballo dun guía turístico en Santiago de Compostela
Juan Alonso Blanco e Francisco Pena Rives, guías turísticos | DACA Social Media

Juan e Francisco son guías turísticos. Gáñanse a vida percorrendo as rúas diante de visitantes, peregrinos ou calquera interesado en coñecer máis alá do que se ve a simple vista en cada recanto. 

 

O seu labor baséase en transmitir, principalmente, o patrimonio histórico e arquitectónico da cidade. Cunha grande bagaxe cultural ás súas costas, eles defínense como “difusores culturais, que traballamos a pé de rúa para trasladar un contido académico ben mastigado e de forma didáctica, pero tamén proporcionamos información lúdica e gastronómica”.

 

Somos difusores culturais, traballamos a pé de rúa para trasladar un contido académico mastigado, de forma didáctica, pero tamén proporcionamos información lúdica e gastronómica

 

Aínda que moitos turistas chegan a Santiago con interese por informarse sobre a súa historia, tamén recibe multitude de viaxeiros que realizan un turismo eminentemente gastronómico e de recreo. Entón, parte do oficio de guía tamén é dar a coñecer os restaurantes onde mellor se come e dar indicacións sobre que facer no lugar.

 

Fran e juan guías
Juan e Francisco, na avenida de Ferrol logo de visitar un restaurante dos que despois recomendan

 

Tanto Juan coma Francisco adoitan facer unhas tres visitas diarias, dúas pola mañá e unha pola tarde. Son visitas que duran preto de dúas horas, se ben algunhas, coma o tour histórico que percorre todo o casco vello, chegan ás tres horas. 

 

Dependendo da temporada, teñen máis ou menos traballo. Son autónomos, polo que a tónica xeral é traballar moito polo verán, cando máis afluencia de viaxeiros se rexistra, e baixar o ritmo nos meses de tempada baixa. Grazas ao seu labor en redes e na web, onde publican as visitas que ofertan, e especialmente polo boca a orella, son moitos os que se deciden a contratar os seus servizos. As valoracións que un guía recibe nas plataformas de contacto son fundamentais para teren clientes.

 

Eles traballan con grupos heteroxéneos de máximo 25 persoas, desde xubilados ata estudantes de interraíl, de peregrinos a persoas con grande poder adquisitivo. Realizan as visitas principalmente en castelán, e en inglés e portugués puntualmente. Con todo, como colaboran a miúdo con escolas da zona e asociacións veciñais, neses momentos aproveitan o galego como lingua vehicular. 

 

Ao igual que os intereses daqueles que deciden contratar os servizos dun guía turístico varían, os elementos que finalmente lles acaban chamando máis a atención tamén: “É moi común que a xente quede sorprendida polo tamaño do Casco Histórico, que resulta ser máis grande do que pensaban”, indica Juan. “Moitísimos visitantes quedan abraiados por elementos arquitectónicos propios da nosa zona, como as galerías, e en xeral polo monumental da cidade e o seu mantemento”, engade Francisco. 

 

Moitísimos visitantes quedan impresionados con algúns elementos arquitectónicos como as galerías, e en xeral polo monumental da cidade e o seu mantemento

 

Un dato curioso que destacan Francisco e Juan é que, sobre todo no verán, arredor do 90 por cento das persoas que deciden facer unha visita turística por Compostela non pasan a noite na cidade, senón que se desprazan na mesma xornada a outros puntos de Galicia.

 

Unha cidade amable

 

Antes de chegaren a Santiago, Juan Alonso e Francisco Pena traballaron como guías turísticos en cidades como Praga, Barcelona, Menorca ou Oporto. Con esa experiencia previa ambos aseguran que Compostela está lonxe de ser unha cidade hostil, como si que pasa con Praga ou Barcelona. Non rexistran conflitos e é raro que se firan sensibilidades: “Noutras zonas hai que ter moito coidado co que se di, en Barcelona pasa coa cuestión do independentismo; en Praga cando falas da historia da Unión Soviética”, explican.

 

A complexidade en Santiago ten que ver co propio oficio de guía. Ser un bo profesional pasa por dominar diferentes rexistros, por ter un dominio amplo e completo da historia do lugar e por ter habilidades sociais e comunicativas. Asemade hai que saber manexar os grupos, que poden estar formados por perfís diversos: “temos levado a bispos e a xente cunha formación altísima”.

 

Visita guías
Visita guiada coa colaboración do historiador e guía Suso Martínez

 

Quizais un dos problemas aos que se enfrontan a día de hoxe en Compostela sexa o do ruído. Eles traballan con audioguías para reducir a contaminación acústica, é dicir, en lugar de falar cun micrófono ou altofalante, cada turista leva consigo un auricular para escoitar a información proporcionada polo guía. 

 

Con todo, co incremento exponencial do turismo os veciños están cada vez máis cansos dos altos volumes xerados especialmente polos grupos grandes. Isto aumenta a necesidade de avogar por un turismo máis sostible e compatible co descanso dos composteláns.

 

Nese sentido, Juan e Francisco en conxunto decidiron iniciar un proxecto para diversificar o turismo a nivel galego. Desde hai arredor dun ano está en funcionamento XploreGalicia, unha plataforma que busca dar a coñecer unha morea de experiencias das que se pode gozar en Galicia, algunhas delas descoñecidas para os turistas. 

 

Con XploreGalicia tratan de conseguir, por un lado, a desestacionalización do turismo e, por outro, achegar aos viaxeiros a actividades exclusivas e de calidade, colaborar con comerciantes locais e, ante todo, “crear sinerxías entre grupos con intereses comúns”. 

 

“É un proxecto de forma parte do tecido social, cultural e local da comunidade”, engade Juan. Partindo do coñecemento que teñen como guías sobre os intereses dos visitantes, ofertan unha ampla gama de experiencias que cobren case que calquera área: actividades deportivas coma o mergullo ou o surf, gastronomía da man de restaurantes seleccionados ao longo da xeografía, e mesmo obradoiros de cerámica.

 

Todo o anterior e, loxicamente, visitas guiadas e rutas por diferentes puntos, desde Fisterra ata a Ribeira Sacra. Porque o que saben ben Juan Alonso e Francisco Penas é a importancia que ten coñecer a historia dos lugares por onde transitamos.

Reportaxe | Así é o traballo dun guía turístico en Santiago de Compostela

Te puede interesar