Empresas compostelás exploran o aforro e a sustentabilidade nunha xornada sobre xeotermia e eficiencia enerxética

O Centro Empresarial do Tambre acollerá este venres unha sesión informativa con expertos e casos de éxito para promover o uso das renovables e os certificados de aforro no tecido industrial
Empresas compostelás exploran o aforro e a sustentabilidade nunha xornada sobre xeotermia e eficiencia enerxética
Centro Empresarial do Tambre

O sector industrial e empresarial de Santiago de Compostela ten esta semana unha cita coa sustentabilidade. O venres 6 de xuño, a partir das 11:15 horas, o Centro Empresarial do Tambre acollerá unha xornada técnica centrada na eficiencia enerxética e a xeotermia, dirixida a empresas, xestores de solo empresarial e actores do tecido produtivo compostelán.

 

Organizado pola Asociación Clúster da Xeotermia de Galicia (ACLUXEGA) e a Xunta de Galicia, co apoio do INEGA e a colaboración da FEGAPE, o encontro buscará sensibilizar o empresariado sobre o potencial de aforro e rendemento ambiental das renovables, así como dar a coñecer as axudas públicas dispoñibles e casos de éxito xa implantados en Galicia.

 

 

Axudas, boas prácticas e exemplos reais

A sesión abrirase coa intervención de Margarita Ardao, directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial da Xunta, quen compartirá espazo cos representantes de FEGAPE e ACLUXEGA. O primeiro panel da xornada correrá a cargo de Javier Domínguez (INEGA), que presentará as novas liñas de axudas para a industria en materia de eficiencia e renovables. A continuación, Esperanza Puig e Marcos González (ENERTRA) afondarán nos Certificados de Aforro Enerxético (CAEs) e no uso da xeotermia como ferramenta clave para a sustentabilidade.

 

Na segunda parte da sesión, mostrarán proxectos industriais punteiros en Galicia que xa apostaron pola xeotermia: a nova sede da Corporación Hijos de Rivera, presentada por Luis E. Durán (Obradoiro Enxeñeiros), e a adega Viña Mein – Emilio Rojo, da man de Nicolau Cassaca Pinto (KASAKA).

 

 

A sustentabilidade como vantaxe competitiva

Desde ACLUXEGA destacan que "o sector industrial galego ten un gran percorrido de mellora no uso das enerxías renovables" e defenden que "a calidade ambiental axuda a optimizar custos e mellorar a competitividade das empresas". Por iso, a xornada ten tamén un carácter formativo, coa intención de difundir ferramentas prácticas para mellorar a cualificación enerxética de edificios e instalacións industriais.

 

O encontro será presencial, gratuíto e está pensado para perfís técnicos, empresariais e institucionais interesados en integrar criterios de eficiencia e transición ecolóxica nas súas estratexias.

Empresas compostelás exploran o aforro e a sustentabilidade nunha xornada sobre xeotermia e eficiencia enerxética

Te puede interesar