Entrevista á alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín | “Que non houbese unha muller á fronte da Alcaldía é unha proba de que non hai igualdade real”

Goretti Sanmartín (A Estrada, 1964) é a responsable do Bloque na capital galega, a cal goberna desde xuño de 2023 en coalición coa agrupación Compostela Aberta.
Entrevista á alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín | “Que non houbese unha muller á fronte da Alcaldía é unha proba de que non hai igualdade real”
A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, posando á entrada do seu despacho | ELADIO GONZÁLEZ LOIS

As tardes en Raxoi son tranquilas. Polo menos, en comparación co frenetismo das súas mañás.  Ademais, se a xornada vén pasada por auga e vento, nin sequera se sinte o movemento dos peregrinos no Obradoiro.
Son momentos dun silencio case absoluto que, malia o que poida parecer, non transmite calma. Máis ben, todo o contrario.


O Pazo é impoñente, diso non cabe dúbida, e non pode pisarse cos pés mollados coma quen se refuxia nas estreitas cornixas da rúa do Franco. Aínda que é a hora acordada e a reunión estableceuse na alcaldía, é mellor idea agardar a que chegue a súa rexedora para formalizar a recepción.


Por suposto, non está no seu despacho. Nel, trátanse asuntos importantes para a cidade, pero a cidade é o que está fóra do despacho. Por iso é tan doado atopar a Goretti Sanmartín (A Estrada, 1964) fóra; reunida ou participando nun evento coa veciñanza.


Chega ao encontro falando por teléfono, pero non se demora en colgar a chamada para interesarse polo Diario Compostela e invitarme a comezar a entrevista.

 

Como ve, traio para tomar notas o caderno do Festival Rosalía, unha clara aposta do Concello pola cultura. Como de importante considera impulsar este tipo de actividades nunha cidade como Compostela? 
 

Creo que é fundamental. Compostela ten un número moi importante de industrias culturais e, sobre todo, unha poboación moi culta e que demanda moita cultura. Sempre o foi, por ser unha cidade universitaria, pero tamén por ser cidade de encrucillada de camiños. 

 

Ten moitísima xente con avidez e intereses culturais pero, máis alá diso, a cultura en Compostela enténdese como participación. Hai moita xente que vai a practicamente todo o que se fai, tanto dende o punto de vista musical como do teatro e a danza e outras disciplinas. 

 

Cre que a xente o demanda? 
 

Si. Son numerosas, tamén, as reivindicacións da necesidade de actividade cultural e, especialmente, dunha cultura de primeira calidade. Compostela é a capital do país; a capital política. 

 

Pero tamén é unha capitalidade cultural onde temos que conseguir que estean presentes todos os referentes do mundo local, como poden ser Rosalía de Castro e outras persoas de renome internacional que proveñen de culturas diferentes. Por estes motivos, queremos impulsar tamén outro tipo de actividades propias onde se potencia a creación local.
 

Santiago de Compostela é a capital política do país; a capital política. Pero tamén unha capitalidade cultural onde temos que conseguir que estean presentes os referentes do mundo local
 

 

Comecei a entrevista falándolle de Rosalía, un persoeiro cunha relevancia sen parangón en Galicia. Agora, vostede é a primeira alcaldesa da capital, o que tamén a converte nunha figura moi importante para a historia da cidade. Como se sinte ao respecto?


Con gran responsabilidade e orgullo. Responsabilidade porque ao final acabas sendo unha muller referente para as que van vir, para as nenas, paras mozas, para as mulleres que hoxe están dedicadas ao mundo da política ou a outros eidos onde tamén hai teitos de cristal que son moi difíciles de atravesar.

 

Como de importantes son os referentes coma vostede? 


É moi importante que haxa referentes aquí, na política, como tamén que os haxa no teatro, na danza na música, nos deportes, na economía... Ademais, que despois de tantísimos anos non houbese unha muller á fronte da alcaldía é unha proba de que aínda non chegou a igualdade real. 

 

Porén, ao mesmo tempo sinto moito orgullo pola xente que se alegrou de que por fin haxa unha persoa nun cargo de responsabilidade coma este. Síntome parte no medio dunha cadea: entre as que traballaron e non o conseguiron e as que virán.

 

Como lle gustaría a Goretti Sanmartín que lembrasen o seu mandato nun futuro?


Gustaríame que o meu fose un mandato onde se fixesen políticas que realmente axudasen a mellorar a vida das persoas. Falo de políticas centradas, por un lado, en temas de sustentabilidade ecolóxica. 

 

Dicíao cando tomei posesión, quero ser alcaldesa nun mandato no que se planten moitas árbores, pero tamén onde se aposte por modelos de urbanismo diferentes, con moitos máis espazos para os peóns, cun tecido comercial dinámico e con nenos e nenas que poidan xogar pola rúa porque hai espazos seguros que o permite. Quero que a xente note melloría na súa vida diaria.

 

Unha Compostela que aposte polos aspectos sociais, non?


Claro. Quero unha Compostela feminista e moito máis participativa, Tamén un lugar onde houbese máis cohesión territorial, porque nos últimos tempos hai un pouco de dispersión. 

 

Parece que hai lugares que son só para durmir, lugares que son para traballar, para comprar... e todo iso antes estaba moito máis cohesionado nos barrios e nas parroquias. É iso o que fai que unha cidade sexa dinámica, atractiva e rica.

 

Quero unha Compostela feminista e moito máis participativa, Tamén un lugar onde houbese máis cohesión territorial, porque nos últimos tempos hai un pouco de dispersión. 

 

Gobernar Santiago é tan complicado como semella? 


Si [risas]. Si porque Santiago é unha cidade relativamente pequena, non chega aos 100.000 habitantes, pero recibe todos os días a moitas persoas que veñen a traballar aquí. Na tempada de inverno, por exemplo, recibe a moitos estudantes que están aquí cada vez durante máis tempo. Na de verán, a un número tamén cada vez maior de visitantes que veñen para facer turismo. 

 

Tamén é unha cidade onde están os edificios administrativos, como os da Xunta ou o Parlamento. En definitiva, temos a Igrexa, o Estado, a Universidade... e logo temos a Cidade Histórica, que é a nosa xoia. 

 

Ademais, somos un concello con moitos quilómetros de rural e con modelos de vida moi distintos. Entón, atender a todas estas dimensións non é doado, porque se cruzan moitas cousas.

 

Con todo o que sabe agora, que consello lle daría á Goretti Sanmartín no seu primeiro día como rexedora municipal? 


O de sempre. Escoitar á xente que está ao teu redor e intentar levar da man, xuntas, a parte política e a parte técnica.

 

Hai dez anos imaxinaba que acabaría gobernando Compostela? 


Cando me presentei pensamos que desta ocasión si que podería ser. Viamos unha corrente de xente que pedía un cambio e de simpatía cara ao BNG. Ademais, tiñamos unha moi boa proxección coa nosa voceira a nivel nacional, Ana Pontón. Iso non significa, claro, que o crese hai dez ou vinte anos.

 

Que tal leva as críticas? 


Creo que son algo consubstancial a calquera persoa que, coma eu, ten unha responsabilidade grande. Hai críticas argumentadas e razoables, porque Santiago é un concello que, como todos, ten problemas. Pero outra cousa son as críticas inxustificadas daquelas persoas ou agrupacións políticas que deciden desde o primeiro día situarse en contra e lles dá igual o que fagas. En calquera caso, só hai que facerlle caso ás primeiras. 

 

 

Goretti no despacho
A alcaldesa, no seu despacho

 


E os eloxios? 


Como as críticas, con responsabilidade e con moitas ganas de facelo cada vez mellor. Estou moi contenta co equipo e con como estamos funcionando estas oito persoas que conformamos o Goberno. 

 

Por iso cando hai un eloxio sobre algo que se está a facer ben danche máis ganas de dicir: “veña, que isto paga a pena”.


Cal é o seu recuncho de Compostela preferido? 


O parque de Belvís sempre foi un lugar especial. Ademais, case sempre vivín próxima a el. É onde paseaba coa miña cadela.

 

Valle-Inclán definiu Santiago como “el centro del mundo para los que buscan la verdad”. Gamoneda, como “una ciudad de piedra y sueños” Para a primeira alcaldesa da historia da súa historia, que é Compostela? 


Santiago é, fundamentalmente, xente marabillosa. Eu creo que por riba do patrimonio e da cidade fermosísima que é, está a súa xente, que foi o que fixo que moitísima xente nos namorásemos de Compostela e decidísemos que era o lugar onde queriamos vivir. 

 

Xente diversa, respectuosa e solidaria. Somos moitísimas as persoas que viñemos de moitos outros lugares e que acabamos enganchándonos, e iso é grazas á súa xente, sen dúbida.

Entrevista á alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín | “Que non houbese unha muller á fronte da Alcaldía é unha proba de que non hai igualdade real”

Te puede interesar