A oferta gastronómica da parroquia de Vista Alegre non é para nada desprezable. No barrio destacan numerosos establecementos que traballan con produtos locais do gusto dos composteláns, mais tamén hai espazo para outras tradicións culinarias, caso do local coreano Numaru. A esta listaxe sumouse hai pouco máis dun ano Mestiza, o grande soño do mexicano Guillermo Moreno Rodríguez.
Con máis de 20 anos de experiencia na hostalaría, sempre tivera a idea de abrir un restaurante mexicano. Mudouse a España hai sete anos coa súa parella de orixe galega e aquí comezou traballando en diferentes locais, o último un albergue en Padrón no que xa tivo a oportunidade de ofrecer comida mexicana nos xantares.
Despois de meditalo ben, decidiuse a dar o paso e converterse no seu propio xefe. Atopou un local dispoñible na rúa da Torreira, o que antes fora a afamada Parrillada Uruguay e alí, el só, comezou a súa nova aventura.
Mestiza foi un proxecto arriscado desde o principio porque non cumpre cos mesmos estándares que outros restaurantes mexicanos da cidade. No establecemento de Guillermo os pratos son mexicanos ao 100%, elaborados con produtos da súa terra e sen a pretensión de adaptalos ao consumidor europeo. Así, na súa carta un pode atopar desde tacos de cochinita pibil ata frautas enchidas de polo.
Os comezos foron difíciles. A veciñanza da zona, acostumada a frecuentar tabernas onde o produto estrela era o churrasco acompañado de viño do país, presaxioulle un mal futuro a Guillermo: “se non das comida galega non vas vender”, dicíanlle. El aguantou ata que comezaron a chegar os primeiros clientes. Lembra claramente a un veciño mexicano que descubriu o restaurante e decidiu probar: “desde ese momento ya funcionó el boca a boca. Yo no tenía redes, así que lo que me ayudó fue que los clientes recomendasen mi restaurante”, confesa.
Agora está contento. Incorporou á planta a dous empregados, tamén mexicanos, dándose a casualidade de que as tres persoas que traballan en Mestiza son concretamente de Cidade de México. De martes a domingo atenden a clientes de todo tipo, aínda que sobre todo adultos, que se achegan de todas as partes de Santiago para vivir unha verdadeira experiencia gastronómica mexicana.
“La mayoría de nuestros clientes tienen entre 35 y 60 años. Es curioso, no nos visitan tanto los universitarios, quizás porque la mayoría se hospedan en el Campus Sur”, reflexiona. Na actualidade non hai moitos restaurantes mexicanos en Compostela, se ben é certo que os que hai están espallados.
La mayoría de nuestros clientes tienen entre 35 y 60 años. No nos visitan tanto los universitarios, quizás porque la mayoría se hospedan en el Campus Sur
Entrar en Mestiza é como mergullarse de cheo na cultura mexicana. A decoración, pensada ao detalle, remite a variados motivos identificadores entre os que destacan as caveiras e os cactos. Un pequeno altar de mortos preside tamén unha das súas esquinas.
En Mestiza son pet friendly, isto é, admiten ás mascotas e de feito teñen un espazo reservado para esas familias que veñan acompañadas polos seus amigos peludos. O local é grande, tanto que Guillermo tivo que reducir o número de mesas para poder atendelas todas, sobre todo ao principio, cando el só debía cociñar e servir. Agora xa valora dar o paso de ampliar a capacidade, e de feito probablemente o faga proximamente.
Nas fins de semanas Mestiza é un non parar, especialmente nas cenas, que é cando máis pedidos deben atender. Semella que, malia todo, a comida mexicana desperta o gusto dos padais composteláns.
Axuda o feito de que a carta estea configurada por pratos que non se poden atopar en ningún outro establecemento mexicano de Santiago. “La mayoría de los otros locales ofrecen tacos y burritos, pero eso no es realmente mexicano, es tex-mex, es decir, comida típica de la gente de México que reside en la frontera de los EEUU, en Texas”, explica Guillermo.
Otros locales ofrecen tacos y burritos, pero eso no es realmente mexicano, es tex-mex, es decir, comida típica de la gente de México que reside en la frontera de los EEUU, en Texas
O único tex-mex da carta de Mestiza son os nachos que serven acompañados por guacamole, todo elaborado de maneira caseira. O sabor non deixa indiferente a ninguén, probablemente pola calidade do produto: “trabajamos con un proveedor que nos consigue las tortillas practicamente iguales a las de México, y eso es clave”, indica Guillermo referíndose á típica base de pan plano que se reenche de todo tipo de gornición.
As tortillas están en practicamente todos os pratos, e poden estar feitas de millo ou de trigo. A diferenza nos ingredientes é importante, cada prato está pensado para estar acompañado por un tipo en específico de cara a conseguir a explosión de sabores desexada.
Recoñece que sempre ten algún cliente que pode non conectar cos pratos, basicamente por estaren acostumados a outro tipo de sabor. O picante tamén ten moito que ver, é un recurso habitual en México pero non aquí. Por iso sempre presenta os pratos co picante á parte, para que sexa decisión do cliente se botarllo ou non. “Al principio la gente le tenía mucho miedo al picante, por eso me decanté por ponerlo aparte y que cada persona se pueda servir al gusto”, argumenta. Polo tanto, a excusa do picante xa non é válida para non probar a comida de Mestiza.
Quen vén a Mestiza queda con ganas de repetir, aínda que sexa para poder probar todos os produtos da carta. Aínda que os tacos de cochinita pibil están entre os pratos estrela, o certo é que todo ten fama. “Creo que la comida mexicana está aumentando su éxito en España, no sé si porque su gente se está animando a probar más cosas nuevas”, medita Guillermo.
Ademais dos pratos habituais, en Mestiza teñen suxestións do día e cada certo tempo van metendo novas opcións de cara a ampliar unha oferta que vai acorde cunha demanda crecente. Guillermo, consciente da recepción que agora ten no seu restaurante, non dubida ao animar a quen non o fixo aínda a pasar por Mestiza: “La comida mexicana no tiene por que picar, de verdad, que no tengan miedo a las nuevas experiencias”.