A sétima edición do Congreso FP Innova Galicia 2025, organizado pola Xunta de Galicia na Cidade da Cultura ao longo de tres días, pecha con éxito e acada un récord de 11.000 asistentes, o que supón un aumento significativo de máis do 37% respecto ás 8.000 persoas do ano pasado. Este dato destaca o crecemento e consolidación deste evento como unha cita imprescindible para os profesionais, estudantes e empresas do ámbito educativo.
A directora Xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, subliñou a “altísima innovación tecnolóxica dos proxectos deste ano, cun salto substancial respecto a só fai un ano, o que evidencia que a FP galega está no mellor momento da súa historia grazas á súa capacidade de adaptación aos rapidísimos cambios do ámbito produtivo”. Proba disto é tamén que visitaran ao congreso representantes en materia de FP de todas as comunidades autónomas co obxectivo de coñecer o traballo que realiza Galicia.
O evento, que xuntou expertos, docentes, estudantes e profesionais do sector educativo, presentou novas propostas educativas, talleres especializados, conferencias e amplas oportunidades de networking. A súa edición de 2025 foi un escaparate para as últimas tendencias e avances na Formación Profesional, especialmente pola forte participación de mozos e mozas interesados nas múltiples oportunidades deste modelo formativo.
Os visitantes puideron coñecer de primeira man preto de 60 iniciativas de centros, tanto en innovación, que abordan as tecnoloxías máis avanzadas nos distintos sectores produtivos, como en emprendemento, impulsados polo Plan Eduemprende.
A incorporación da intelixencia artificial marcou unha das grandes novidades deste ano, presente en numerosos proxectos innovadores. En particular, a orientación profesional deu un paso adiante coa chegada de OPI Orienta, un orientador profesional virtual baseado en intelixencia artificial que proporciona asesoramento personalizado aos asistentes, adaptándose ás súas necesidades e intereses. Esta tecnoloxía supón un avance significativo na forma de ofrecer apoio e guía para o desenvolvemento académico e laboral.