A Facultade de Filoloxía celebra o seu 50 aniversario

O evento contará coa participación de artistas como Uxía Senlle e Xurxo Souto, ex estudantes do centro, e nel tamén intervirá o fotógrafo Sérgio Jacques, autor da mostra fotográfica A Dança da Lua
A Facultade de Filoloxía celebra o seu 50 aniversario
Exterior da facultade

A Facultade de Filoloxía compostelá comeza este xoves 12 de setembro o programa das conmemoracións do seu medio século de vida, nun acto que preside o reitor Antonio López e que terá lugar desde as 12.00 horas no Salón de Actos do centro. Nel, o decano, Elias Feijo, e a vicedecana de Cultura, Elsa González, exporán as liñas xerais e primeiras actividades das conmemoracións dos 50 anos da creación da Facultade.

O evento contará coa participación de artistas como Uxía Senlle e Xurxo Souto, ex estudantes do centro, e nel tamén intervirá o fotógrafo Sérgio Jacques, autor da mostra fotográfica A Dança da Lua, sobre a presenza do escritor Urbano Tavares Rodrigues na cidade de Santiago de Compostela, que pode ser visitada desde este xoves até o venres 20 de setembro, e que será seguida da exposición ¿Encontraría a Julio Cortázar?... cuarenta años después, que será inaugurada o 26 de setembro ás 12.00 horas na Facultade de Filoloxía.

 

Alén das persoas con responsabilidades académicas nos departamentos, coordinacións académicas, grupos de investigación e comisión organizadora, o acto contará coa asistencia dos membros do comité consultivo da Facultade, integrado polo presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco; a concelleira compostelá Mercedes Rosón; o director do IES de Guitiriz, Xulio J. González Iglesias; o representante da Asociación de Empresarios del Polígono del Tambre, Xavier Freire, e o xefe de zona Galicia-Asturias de Macmillan Education Iberia, Gabriel Ángel Botana Penas.

 

Igualmente estarán presentes membros da comisión de honra: o secretario xeral de universidades, José Alberto Díez de Castro, en representación do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; unha persoa delegada da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o decano da Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo, José Montero Reguera, e representantes das entidades colaboradoras e coordinadoras de actividades.

 

Igualmente, asistirán membros dos equipos decanais doutras facultades, así como as ex decanas e ex decanos do centro, que ofrecerán conferencia nunha serie mensual que inaugurará Ramón Lorenzo o luns 23 de setembro.

A Facultade de Filoloxía celebra o seu 50 aniversario

Te puede interesar