O Faiado Podcast: “Recuperamos temas menos convencionais, baixámolos do faiado e quitámoslles o po”

Oito mozas están detrás deste próspero programa para a xeración Z que xa conta con dous galardóns ás súas costas
O Faiado Podcast: “Recuperamos temas menos convencionais, baixámolos do faiado e quitámoslles o po”
As integrantes de 'O Faiado Podcast'

'O Faiado Podcast' é xa todo un referente entre a xeración Z galega. En menos de dous anos oito mozas conseguiron xerar un produto fresco e transformador que ocupa un lugar relevante no panorama audiovisual de Galicia.

 

Ofaiadointegrantes
Integrantes do podcast | CEDIDA

 

'O Faiado' é, como di unha das súas creadoras, un podcast de variedades porque falan de todo un pouco: de música, de literatura, de moda e mesmo de teorías conspiradoras. Ante todo, móvense “pola xente que nos gustaría traer polo seu discurso ou polo que representan ou fan, pero tamén por temas que nos gustaría tratar por diversión propia”, explica Carlota.

 

Polo podcast xa teñen pasado coñecidas personalidades como a concursante de Operación Triunfo Sabela, os creadores de contido Prado Rúa e Malva e os artistas Ortiga e Grande Amore, entre moitos outros. 

 

Ofaiadofacom
Un episodio cos creadores de contido Prado Rúa e Gabri Fuentes | CEDIDA

 

O nome do podcast, 'O Faiado', tamén avanza os contidos sobre os que cavilan. Durante un proceso de brainstorming saíu a proposta e a todas lle gustou polo seu simbolismo: “é un espazo para falar de temas menos convencionais, o que buscamos é recuperalos, quitarlles o pó, baixalos do faiado”, aclara Carlota.

 

É un espazo para falar de temas menos convencionais, o que buscamos é recuperalos, quitarlles o po, baixalos do faiado

 

En certo modo buscan satisfacer as súas propias inquedanzas, e á par ofrecer ao público máis mozo “uns referentes en galego e uns contidos de interese que non haxa que buscar noutro idioma”, indica Leila.

 

O Faiado non ser grava en galego por unha decisión consciente e consentida. O podcast é en galego porque é a lingua nai de todas as autoras, polo que non houbo nada que discutir. “Non é que escolleramos o galego como idioma, e que é o noso idioma”. 

 

Non é que escolleramos o galego como idioma, e que é o noso idioma

 

Un inicio casual

 

Durante un período de prácticas académicas nun xornal durante o verán de 2022, Iria lanzoulle ás súas compañeiras Malena e Leila a pregunta que o cambiaría todo: por que non facemos algo? 

 

Estudantes de comunicación, sentían que á súa formación lle faltaba algo, sobre todo dentro do campo do audiovisual. Quixeron idear algo para cubrir esas lagoas que consideraban menos cheas, algo para practicar e descubrir novos ámbitos.  

 

Foron recrutando a máis estudantes interesados en colaborar con elas, e en setembro xa eran máis de quince persoas. Levou tempo e traballo definir o formato e a dirección que levaría o proxecto, polo que desas quince só permaneceron a pé de canón oito. As oito que agora continúan. 

 

“Empezamos sen pretensións de nada, queríamos ante todo un produto que nos gustase e que nós mesmo consumiriamos”, asevera Carlota. Desde o principio tiveron claro que non querían ser un podcast só para escoitalo, senón que lles interesaba ter vídeo para poder ter material para, asemade, facer difusión en redes. 

 

Máis que un podcast

 

Ir máis alá do podcast e facer contido ao redor do mesmo noutros formatos é característica fundamental de 'O Faiado'. A súa presenza en redes é significativa, especialmente en Instagram e Tik Tok onde soben fragmentos dos episodios e mesmo entrevistas e enquisas a pé de rúa sobre os máis variados temas

 

De feito, durante o verán volverán a facer a súa famosa Summer Edition na que percorrerán algúns dos moitos festivais e festas que se levan a cabo durante o verán en Galicia para informar sobre os mesmos e coñecer as sensacións dos asistentes. Trátase dun formato que interesa especialmente ao público de 'O Faiado'.

 

Ofaiadoepisodio
Durante a gravación dun episodio | CEDIDA

 

Desde febreiro do 2023, cando publicaron o seu primeiro episodio, e ata hoxe, 'O Faiado Podcast' leva dúas tempadas en activo. Con respecto ao ano pasado, así e todo, a dinámica de traballo tivo que cambiar. De seren todas estudantes residentes en Santiago, agora atópanse espalladas por distintos puntos da península

 

De dous episodios ao mes pasaron a publicar un, dada a complexidade para cadrar horarios. Con todo, a orde é a base do seu triunfo: seguen un sistema de roles onde cada unha se encarga dunha tarefa específica (produción, gravación, edición…) e tratan de diversificarse para suplir a menor frecuencia na difusión dos episodios con máis contido en redes.

 

Dous galardóns ás súas costas

 

Por suposto, todo esforzo vai coa súa recompensa. As oito mozas de 'O Faiado' xa contan, malia o seu curto percorrido, cun premio Youtubeiras a canle “revelación” e un premio Carballo Interplay á “mellor canle”.

“Non criamos que iamos gañar ningún dos dous, e facelo foi a confirmación de que algo estabamos facendo ben”, indica Leila. “Eu o que pensei foi, ei, que hai máis xente que nos escoita á parte das nosas amigas”, engade Carlota.

 

Os premios foron a confirmación de que algo estabamos facendo ben

 

Co premio pretenden facer máis profesional o proxecto, xa que contan con primeira vez con recursos económicos que xa están investindo en equipo técnico para as entrevistas de rúa. Para a gravación dos episodios xa contan co apoio da Facultade de Ciencias da Comunicación, coa cesión dun estudo de radio, e dos seus técnicos, Manolo, Reyes e Manuela, así como de Miguel, o auxiliar técnico de servizos que segundo afirma Eva “era o que abría o faiado do Faiado”. Todos son para elas un apoio profesional e emocional. 

 

Convite á escoita de 'O Faiado Podcast'

 

Aínda que o podcast se grava nun ton informal e busca crear un espazo de diversión entre os seus oíntes, as mozas do Faiado convidan a todo o mundo a escoitalo porque “en todos os episodios hai algo para reflexionar, ben sexa sobre a precariedade laboral ou os prexuízos de calquera tipo, que ao final son cuestións importantes que a todos nos poden interesar”.

 

Ofaiadofinal
Unha vez rematada a gravación | CEDIDA

 

Os episodios favoritos de tres mozas de O Faiado Podcast:

 

Leila: Dos castings de OT aos pasos prohibidos de Bisbal con SABELA e ALDARA

 

Carlota: De botar uns contos a escribir o teu con IRIA ALDEGUNDE e SICA ROMERO e De viaxar no tempo ao zombie alieníxena de Avril Lavigne con ÁLEX e BASTIÁN

 

Eva: De beber LK a perrear muiñeiras na FOLIADA DA FONSAGRADA

O Faiado Podcast: “Recuperamos temas menos convencionais, baixámolos do faiado e quitámoslles o po”

Te puede interesar