O festival gratuíto Acento regresa a Santiago cun cartel encabezado por Boyanka Kostova

O concerto, con entrada gratuíta, celebrarase o 21 de xuño na terraza da SGAE en Compostela coincidindo co Día Internacional da Música
O festival gratuíto Acento regresa a Santiago cun cartel encabezado por Boyanka Kostova
Boyanka Kostova

O festival Acento, promovido pola Fundación SGAE e o Consello Territorial de SGAE Galicia, regresa a Santiago de Compostela o vindeiro 21 de xuño cun cartel que aposta polas novas voces da música urbana galega. Nesta sexta edición, a terraza da SGAE no Parque Vista Alegre converterase nun escenario para os directos de Boyanka Kostova, Lua de Santana e 9Louro, nun evento con entrada libre e acceso público, que conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Xunta de Galicia.

 

A celebración coincide co Día Internacional da Música, e busca visibilizar a diversidade e vitalidade das propostas que están a marcar a escena actual en Galicia, especialmente entre as novas xeracións.

 

 

Programa de concertos: trap, soul e raíz urbana

A xornada arrancará ás 20:30 h co directo de 9Louro, revelación da música urbana en galego. Ás 21:45 h, será a quenda de Lua de Santana, artista galego-brasileira con sonoridade global e presenza en grandes escenarios como o Sónar ou os desfiles de moda de Londres e París. Pecharán a noite, a partir das 23:00 h, os Boyanka Kostova, pioneiros do trap galego e representantes da evolución cara ao son raveiro, con letras marcadas pola retranca e a experimentación electrónica.

 

Un escaparate da música urbana feita en Galicia

Con esta proposta, Acento 2025 ofrece un escaparate para artistas que representan a fusión de tradición e vangarda, con estilos que beben do rap, do soul, do pop, da electrónica e mesmo da bachata, sempre desde unha perspectiva galega e innovadora.

O festival gratuíto Acento regresa a Santiago cun cartel encabezado por Boyanka Kostova

Te puede interesar