O Festival Internacional de Títeres Galicreques, organizado pola Asociación Cultural Barriga Verde coa colaboración do Concello de Santiago, da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña, do Instituto Nacional de Artes Escénicas e Musicais (Inaem), de Iberescena e da Fundación SGAE, celebrará entre os días 12 e 20 de outubro a súa 29ª novena edición. O Galicreques deste ano será un dos programas máis extensos dos últimos anos, xa que están previstas 60 funcións a cargo dunha trintena compañías procedentes de oito países diferentes. Adiantouno así o director de Galicreques, Jorge Rey, nunha rolda de prensa na que tamén interviñeron Miriam Louzao, concelleira de Capital Cultural do Concello de Santiago, e Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
A concelleira de Capital Cultural salientou que esta nova edición ofrece "un dos programas máis extensos dos últimos anos" e recordou que esta cita "é un punto de encontro para o talento internacional". Míriam Louzao convidou a cidadanía e as persoas que visitan a cidade "para que coñezan a nosa programación, a nosa identidade e a nosa formade entender a cultura" a gozar da creatividade das propostas das compañías.
Na súa intervención, Jorge Rey salientou varios aspectos fundamentais para o festival Galicreques. En primeiro lugar, o esforzo que realiza cada ano o festival na creación de públicos e de achegarlle á cativada o teatro de monicreques a través das funcións escolares. En segundo lugar, tamén puxo en valor a implicación das diferentes institucións para levar adiante este festival que, un ano máis, descentraliza a súa actividade para levalo até sete centros socioculturais da cidade (Santa Marta, A Peregrina, Fontiñas, Bando, Vite, Castiñeiriño e Conxo).
Estes centros converteranse en escenarios deste XXIX Festival Galicreques, como tamén o serán o Teatro Principal, o Salón Teatro, a Fundación SGAE e a Alameda que, un ano máis, acollerá a tradicional Carpa do Galicreques, o gran epicentro do festival. Estas serán as sedes nas que se programarán as 60 funcións que conforman o cartel.
Novas producións
Neste 2024, o festival contará cun total de 12 estreas. Entre elas, cómpre destacar a presentación do espectáculo Lémbrame. Spominaj na mnje, unha coprodución do Centro Dramático Galego xunto á compañía galega Títeres Alakrán e a alemá Bautzen Theater. A obra, creada ao abeiro do proxecto Phōnē, é unha homenaxe á memoria, á tradición e á raíz. Nela poranse en valor dúas linguas: o galego e mais o sorobio. A obra poderase ver o día 15 de outubro no Salón Teatro.
Pola súa banda, a compañía galega Titiritres estreará o luns 14 Emotivas, espectáculo que se encargará de abrir a programación escolar desta 29ª edición. Outro nome da escena galega que estreará dentro de Galicreques será Olga Abad, quen representará por vez primeira o seu espectáculo Un gran plan. Farao dentro da programación CARA BÉ, sección do Galicreques orientado para o público adulto.
Dende Portugal e Arxentina
Dúas estreas chegarán dende o outro lado do Miño e as dúas poderanse ver o domingo 13 na Alameda. A primeira delas correrá a cargo da compañía Marionetas Rui Sousa, que lle presentará á cativada a súa obra As marionetas tambén tém coração. O propio Rui Sousa participa tamén na outra estrea con sabor luso: Portugalidades. Neste espectáculo, no que tamén intervirán Nuno Correia Puinto e Luis Manhita, procúrase representar Portugal coas súas artes máis distintas para celebrar o cincuentenario da Revolución do 25 de abril.
Dúas compañías vinculadas con Arxentina escollen Galicreques para estrear os seus novos espectáculos: Tres Tigres, que presentará a súa nova obra Desde El Altillo. Historia de un exilio, e Signe Diesel, formación franco-arxentina que traerá ao festival a súa obra inédita Kazu, peza que protagonizará a clausura desta 29ª edición o domingo 20 de outubro.
Os salvadoreños de Ocelot teatro estrearán a súa obra Martín cabeza de hacha, mentres que os colombianos La Pepa del Mamoncillo representarán por vez primeira en Europa a súa peza Napoleón e Josefina. Dende Andalucía chegará El Traje, da compañía La Sal Teatro, e os valencianos de Vudú Teatro arribarán coa súa nova proposta: Oráculo FM. Por último, a compañía conquense Títeres Larderos dará a coñecer en Galicreques a súa obra Pelos Operación Agua.
Funcións escolares e presenza galega
Galicreques ofrecerá este ano unha programación escolar conformada por 15 funcións destinadas ao alumnado de colexios e institutos. Os espazos nos que se realizarán estas funcións serán a Fundación SGAE , o Teatro Principal, o Centro Sociocultural Santa Marta e a Carpa da Alameda. As funcións desenvolveranse entre o luns 14 e o venres 18 de outubro.
Ademais dos xa citados Títeres Alakrán, Olga Abad e Titiritres, o teatro de monicreques galegos tamén estará representado polas compañías Danthea Teatro, Títeres Cascanueces, Brincadeira, Títeres Cachirulo, Luis Vallecillo, a artista arxentina-galega Gabriela González López e Carmen Domech, quen ademais de actuar inaugurará na Carpa da Aleaada a súa exposición Cronopios.