O seu nome comeza a aparecer en cada vez máis carteis da cidade, en solitario ou en conxunto con outros coñecidos músicos da zona. A pesar da súa xuventude, a calidade artística e a súa atractiva personalidade fan de Gloria Pavía unha persoa á que cómpre seguir a pista.
A formación musical de Gloria comezou no Centro Profesional de Música Moderna Estudio, unha escola con décadas de historia en Santiago e especializada en jazz da que saíron músicos con grande traxectoria na actualidade. Gloria coñeceu alí a varios artistas e comezou a frecuentar con eles locais composteláns nos que se ofrecían concertos de variados estilos.
Desde os quince anos empapouse desas propostas musicais que a fixeron descubrir a súa paixón e que pouco a pouco foron forxando o seu estilo: “Foi a cidade a que me fixo descubrir quen quería ser; ao final, os meus referentes son a xente que vexo nos concertos, a gran maioría de Santiago. Diso é do que máis absorbo”, conta Gloria.
Foi a cidade a que me fixo descubrir quen quería ser; ao final, os meus referentes son a xente que vexo nos concertos, a grande maioría de Santiago. Diso é do que máis absorbo
O ano pasado, logo de varios anos nutríndose de músicas e compoñendo as súas propias pezas, sacou o seu primeiro álbum, ‘Novas Flores’, unha recompilación de catro temas de amor (e desamor), dous dos cales representan o día e os outros a noite. Como explica Gloria, “o fío condutor para min foi como cambian as luces e as persoas en función da parte do día na que se atopan”.
Ese álbum gravouno xunto co guitarrista Dani Liñeira, co que ten colaborado con frecuencia. Agora, en cambio, traballa especialmente co baixista Rafa Morales, con quen foi finalista da última edición do premio Narf para grupos e artistas musicais.
Ademais, Gloria xa está traballando en novos proxectos que inclúen a incorporación de novos instrumentos á súa música: “Teño varias cancións que quero gravar, con Rafa e tamén cun cuarteto de guitarra, baixo, batería e voz”, avanza.
Gloria é unha artista con todas as letras. Porque ademais de música, tamén é ilustradora, aínda que para ela son medios de expresión totalmente diferentes. “Ás veces ilustro para amosar como me sinto, pero para min é unha actividade máis lixeira que me fai desconectar e por iso moitas veces debuxo cousas que non van comigo, coma Pokemons”.
A cultura nipoa é parte fundamental da traxectoria de Gloria. Na música comezou cantando temas xaponeses, e na parte de deseño nutriuse moito das viñetas dos manga, xénero literario que consume con frecuencia.
Con todo, desfruta moito de debuxar o que a rodea: “Encántame debuxar aos meus amigos, a cidade, en xeral o que vexo durante o día. Moitas veces fago cómics, pero vaia, que en xeral non son máis que garabatos”, xustifica entre risas.
Encántame debuxar aos meus amigos, a cidade, en xeral o que vexo durante o día. Moitas veces fago cómics, pero vaia, que en xeral non son máis que garabatos
Nese sentido, o pasado ano, na compaña do seu amigo Roy Barral -de quen di que fai “cómics perfectos, con perspectiva, incribles”-, elaborou un fanzine que leva por nome Mimosa e que xunta ilustración, cómic e música. Agardan sacar pronto unha segunda edición.
Así e todo, como mellor se unen música e ilustración no traballo de Gloria é a través dos carteis para concertos, probablemente o que máis lle gusta facer. Fainos para anunciar os seus propios concertos pero tamén os doutros artistas. Ás veces tamén recibe encargos doutros colegas músicos.
Se Gloria é quen é é pola cidade que a viu medrar, como persoa e como música: “A cantidade de música que se fai aquí é moi heavy. Conforme pasan os anos, o panorama vai cambiando e o mellor é que cada día podes escoitar algo distinto. É moi enriquecedor”, indica.
A cantidade de música que se fai aquí é moi heavy. Conforme pasan os anos, o panorama vai cambiando e o mellor é que cada día podes escoitar algo distinto. É moi enriquecedor
En Santiago é posible asistir a concertos todos os días, moitos deles con entrada gratuíta. “A min é o que me dá enerxía, vou a concertos todas as noites, é un hábito. No verán fun como a setenta e non paguei ningún, entre o Feito a Man, os Seráns en Feixóo, o Maré…”.
Especialmente nos bares e salas da zona Vella é onde se concentran a maioría dos concertos durante o ano. Son espazos pequenos pero acolledores nos que un público máis ou menos asiduo conforma un clima único e aillado dos estímulos exteriores. “O público somos os amigos da noite, xente que en xeral está en todos os concis, e de todas as idades”, asegura Gloria.
E por aí pasan artistas de todos os tipos e para todos os gustos. Jazz e foliadas na Casa das Crechas, concertos variados no Ciclo Agustito do Camalea e a Borriquita de Belém, improvisacións no Riquela, e mesmo concertos acústicos na biblioteca Ánxel Casal.
Quizais o único problema é que, en ocasións, os concertos non están correctamente anunciados. “Eu penso que o problema está no deseño gráfico dos carteis que hai, deixan un pouco que desexar ás veces”, opina Gloria.
Nese sentido, valora o traballo de particulares que traballan por dar a coñecer a música de Compostela, tal é o caso da persoa detrás da web Rock The Barrio, que recolle toda esa efervescencia cultural da cidade.
Gloria non fai máis que agradecer á cidade e á súa xente pola oportunidade que lle deron para desenvolverse como a música que é hoxe. Recoñece que sente ilusión cada vez que ve que a alguén lle gusta o que fai, e considérase afortunada de vivir nun lugar con tanta riqueza artística en cada recuncho: “O máis bonito é que en Santiago hai moita xente de moitas idades diferentes facendo cousas xuntas. Hai moitos xigantes, pero traballan en harmonía cos que estamos comezando. O certo é que o ambiente é o ideal”.