O investigador Ilia Stepin, egresado da Universidade de Santiago de Compostela, foi galardoado co premio á mellor tese de doutoramento de Europa de 2023 pola Sociedade Europea de Lóxica e Tecnoloxía Difusa (EUSFLAT), un prestixioso recoñecemento que se entregou o pasado 24 de xullo durante a cea de gala do congreso bienal EUSFLAT 2025 en Riga (Letonia).
O traballo premiado, desenvolvido no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), consolida a traxectoria do centro como referente europeo en intelixencia artificial (IA) explicable, transparente e centrada nas persoas. Con esta distinción, son xa tres as teses do CiTIUS recoñecidas con este galardón na última década, tras as de Alejandro Ramos (2016) e Andrea Cascallar (2022), quen foi a primeira muller en recibir este premio en Europa.
A tese de Stepin aborda unha das cuestións máis relevantes da IA contemporánea: como confiar nun sistema automatizado se non se entende como tomou unha decisión. A resposta do investigador consiste na creación de axentes conversacionais argumentativos, capaces de explicar con claridade o razoamento detrás das súas respostas e de identificar que cambios nos datos producirían resultados distintos.
Estes sistemas ofrecen explicacións fácticas e contrafácticas, que permiten ao usuario explorar o funcionamento interno da IA sen necesidade de coñecementos técnicos. “A novidade do enfoque radica en que o sistema adapta as explicacións ao perfil do usuario”, sinala Stepin. A través de modelos lingüísticos e principios da teoría da argumentación, a IA aprende a comunicarse mellor con quen a utiliza.
O traballo tamén propón unha métrica innovadora para medir a complexidade percibida das explicacións, adaptando automaticamente a linguaxe e o formato segundo o nivel do usuario. A tese foi validada mediante estudos con persoas reais, que valoraron as explicacións como útiles, comprensibles e relevantes.
Titulada Axentes conversacionais argumentativos para unha intelixencia artificial explicable, a tese foi defendida con éxito no CiTIUS o 22 de setembro de 2023, cofinanciada pola Unión Europea a través do programa Galicia FEDER 2021-2027, e dirixida polos investigadores José María Alonso e Alejandro Catalá.
O seu impacto na comunidade científica é notable: os artigos derivados do traballo acumulan máis de 500 citas en Google Scholar, 300 en Scopus e 200 en Web of Science. Estes datos, xunto coa calidade metodolóxica e a orientación social da investigación, foron claves para obter o premio EUSFLAT, que se concede anualmente dende 2010 á mellor tese de doutoramento en lóxica difusa e tecnoloxías afíns.
“Ilia fixo unha contribución moi valiosa a un problema central da IA actual: como facela comprensible, confiable e útil para todas as persoas”, destaca José María Alonso. Pola súa parte, Alejandro Catalá salientou que “este premio non só recoñece o esforzo individual de Ilia, senón tamén o modelo de formación e investigación que impulsamos no CiTIUS”, baseado na ciencia aberta, a innovación e o compromiso social.