Desde hai uns anos, o nome de LODE foi gañando presenza na escena musical cunha progresión meteórica. Quen comezaba compartindo vídeos caseiros nas redes sociais acabou por converterse nunha das grandes promesas do pop urbano en España. A súa participación en programas como La Voz ou El Hormiguero, e a súa crecente base de seguidores en plataformas dixitais, consolidaron unha carreira que hoxe vive un punto de inflexión.
E ese punto de partida non podía ter mellor escenario: este domingo 4 de maio, LODE debuta co seu espectáculo completo nunha das salas máis emblemáticas do noroeste peninsular, a sala Capitol de Santiago de Compostela, como inicio oficial da súa xira 2025. A cita promete ser un despregue de voz, movemento e emoción. Porque LODE non só canta: coreografía, interpreta e transforma cada directo nunha experiencia escénica que vai moito máis alá do beat.
Natural de Narón, o artista soubo construír unha linguaxe propia dentro do xénero urbano, combinando letras íntimas con bases bailables e unha posta en escena coidada ata o último detalle. O seu novo EP —do que xa avanzou temas como TKILA, Recuerdo, Carita de Ángel ou Malo será— apunta a ser unha das producións independentes máis ambiciosas do panorama actual.
Co respecto de artistas consagrados como Juanes ou Álex Ubago, que xa eloxiaron o seu talento, LODE representa unha nova xeración que non precisa emigrar a Madrid ou Barcelona para soar internacional. Desde Galicia, con orgullo e cunha visión global.
A poucos días dese concerto que moitos agardan como a revelación dun artista total, Diario Compostela fala con el para coñecer a súa historia, a súa maneira de entender a música e o que está a piques de desatar no corazón de Santiago.
Este domingo presentas o teu novo show en directo na sala Capitol. Que significa para ti abrir xira nun lugar tan emblemático como Santiago de Compostela?
É algo moi especial. Aínda estou procesando o que vai pasar. No momento de poñer a data e demais non parecía moi real, pero agora que xa está moi próximo sinto moitos nervios e ganas de amosar o que vimos preparando durante tanto tempo. É unha pasada verse alí, porque fun infinidade de veces como espectador a ver concertos nesta sala, así que estou desexando xa que chegue o día.
Es cantante, compositor e bailarín. Que papel xoga a posta en escena dentro do teu proxecto musical?
É un papel moi importante; significa poñerlle cara ao proxecto. Para min, ao ser bailarín, é especialmente relevante porque considero que é o que fai conectar directamente coa xente. Eu non concibo un espectáculo se non vai acompañado de baile. Tamén é todo un reto, porque executar coreografía ao mesmo tempo que cantas, é complexo, pero tiña moitas ganas de poñerme mans á obra.
O xénero urbano viviu moitas transformacións nos últimos anos. Que cres que achega a túa proposta a esta evolución?
Eu creo que o meu proxecto propón non encasillarse nun formato específico. Podemos ter ese carácter urbano, pero escoitar os diferentes estilos e nutrirme de todos eles está moi reflectido no traballo. Non nos poñemos unha etiqueta: estamos en constante evolución. Penso que o panorama urbano creceu tanto precisamente por iso. Agora comprende estilos máis complexos e o meu proxecto vai nesta dirección.
As túas cancións combinan bases bailables con letras que non eluden a emoción ou a nostalxia. Que importancia ten a narrativa para ti?
Non sigo nunca unha fórmula concreta. Cando sentamos no estudo o que adoitamos facer é falar para ver que queremos facer. As cancións sempre están ligadas ao estado anímico que teñamos neses días. O bonito da música é que cada vivencia se pode transformar nunha letra. Segundo como esteamos os membros do equipo, tiramos por un lado. Dependendo de como queiramos enfocar o tema, evoluciona dun xeito ou outro. Por exemplo, hai pezas que naceron como baladas e acabaron sendo merengues.
De todos os singles que publicaches ata agora, cal consideras que te representa mellor como artista?
'Malo Será' represéntame moito, porque son moi galego e os galegos temos ese punto de ver as cousas positivamente. Estaba nun momento moi tolo de non saber se ía ser quen de tirar para diante e acabei aplicando esa máxima. É unha maneira de ver a vida que forma parte de min. As cousas tenden a ir a mellor, e é algo que me representa, tanto a nivel narrativo como de produción, porque ten moitos sons galegos nun ton urbano.
Nas redes sociais tes unha comunidade moi ampla. Como cres que vivirás o proceso de ver por fin a cara de moitas persoas que che apoian cada día?
Moitas veces non somos conscientes do que significa ter un número determinado de seguidores. Desvirtualizar á xente e poñerlle cara a quen está detrás da pantalla paréceme moi bonito. Sinto que o que hai que facer é desfrutar do proceso e de vernos en persoa. Eu o que quero é que a xente que veña ao concerto o pase ben, non me importa cantas sexan. Tamén teño ganas de ver a súa reacción; veremos que tal se nos dá.
Onde che gustaría estar dentro de cinco anos? Soñas con escenarios concretos ou colaboracións?
A verdade é que non me gusta poñerme metas dese tipo. Ao final, o punto está en gozar no que fas cada momento. En cinco anos só agardo poder seguir facendo música e repetindo na Capitol. Prefiro deixarme sorprender polo que vai acontecendo. Ademais, esa é unha maneira de sorprender tanto ao creador como ao público. Deixo nas mans do Adrián do futuro o 'que pasará'; hoxe toca desfrutar.
Por último, que lle dirías a alguén que aínda non te escoitou e que está dubidando se vir á Capitol este domingo?
Se teñen ganas de bailar e pasar un bo rato, que veñan, porque seguro que o pasan ben. E se é a primeira vez que escoitarán cancións deste novo proxecto, seguramente máis dun tema fará que se lle vaian os pés. Así que a mensaxe é animar a todo o mundo a que veña de festa con nós, porque é o obxectivo que temos con todo isto.