A produtora galega Setemedia, con sede en Ames, estrea este venres 30 de maio no Festival de Series Ría de Vigo a súa nova ficción: Lume, un thriller xornalístico que promete situar a ficción galega no mapa internacional.
A estrea incluirá a proxección do primeiro episodio e contará coa presenza de parte do equipo técnico e artístico, entre eles os protagonistas Cristina Castaño (Rapa, La que se avecina) e o actor portugués Albano Jerónimo (Rabo de Peixe, Vikings).
Lume comeza co regreso dunha xornalista á súa vila natal despois dun incendio forestal devastador. A investigación do suceso levará á protagonista a descubrir unha rede de corrupción e intereses ocultos que supera fronteiras e afecta a todo o territorio. A serie está rodada en galego e portugués, cunha posta en escena realista e comprometida, centrada na loita contra o esquecemento, a memoria colectiva e a verdade.
A serie é unha coprodución entre Setemedia (Ames) e a portuguesa Coral Vision Europa, con distribución internacional a cargo de ZDF Studios. A súa estrea oficial terá lugar a finais de xuño en HBO Max, Televisión de Galicia (TVG) e a RTP, a canle pública portuguesa.
Dirixida por Giselle Llanio (Saudade de ti, A Estiba), LUME conta tamén coa participación de actores como Isabel Naveira e Xúlio Abonjo.
Setemedia, que leva anos consolidando a súa presenza no sector audiovisual galego desde Ames, reafirma con este proxecto a súa aposta por unha ficción de calidade, enraizada no territorio pero con proxección global, demostrando que dende Galicia tamén se poden contar historias universais.