Manuel F. Rodríguez: “A realidade vai moito máis alá do que podemos ver”

Só un par de anos despois do seu debut literario, o xornalista coñecido polo seu labor de divulgación sobre o Camiño de Santiago volve sorprender ao público con ‘A muller do muro’, unha novela reflexiona sobre a tradición galega e o que sucede tras a morte
Manuel F. Rodríguez: “A realidade vai moito máis alá do que podemos ver”
Manuel Rodríguez, o xornalista e autor da novela ‘A muller do muro’

Natural de Sarria e residente en Teo, Manuel F. Rodríguez é coñecido polo seu amplo labor de divulgación sobre o Camiño de Santiago, destacando como director da Gran Enciclopedia do Camiño de Santiago e como creador do portal Xacopedia. Porén, tras a súa primeira incursión no eido da novela coa exitosa obra 'A Viaxe á fin do mundo', o autor volve soprendernos cunha nova proposta literaria que, desde a súa presentación a semana pasada na librería Couceiro, está a dar moito que falar no ámbito literario galego.

 

A súa nova historia, 'A muller do muro', permítenos seguir a Xenebrando Río, un xornalista que, de xeito inesperado, ten que facer fronte a un suceso extraordinario e perturbador que desafía todas as súas crenzas e lóxica. Este feito abre a porta a unha viaxe sen retorno, na que o protagonista deberá enfrontarse non só ao descoñecido, senón tamén aos seus propios límites. Con este punto de partida, Rodríguez propón unha reflexión sobre a fronteira entre o explicable e o inexplicable, e como os misterios externos poden converterse nun reflexo dos nosos conflitos internos.

 

A portada do libro
A portada do libro

 

Así, o último traballo do escritor e veciño compostelán mergúllanos nunha trama que combina o misticismo da cultura galega coa exploración de fenómenos inexplicables dende unha perspectiva contemporánea.

 

 

'A muller do muro' combina elementos da tradición galega co misterio e o inexplicable. Como describiría a esencia desta novela?

Eu creo que, ás veces, a realidade que percibimos queda moi curta; vai máis alá do que vemos. Está chea de misterios e elementos que percibimos como inexplicables, cando non o son. Diso vai esta novela. Son unha persoa cos pés na terra, pero creo que ás veces hai que mirar máis alá. É unha mestura de misterio, fantasía, e procura de respostas.

 

O protagonista, Xenebrando Río, é xornalista, como vostede. Canto do seu propio mundo profesional está plasmado no personaxe?

Moito, por suposto. Agora non estou na primeira liña de combate, pero sigo sendo xornalista. Durante moitos anos vivín o oficio e quería que o protagonista tamén o fixese porque é algo que coñezo perfectamente. Sei como traballamos, a intensidade do día a día, as maneiras de buscar información... A novela necesita destes aspectos, e como sei ben de que vai a profesión, pensei que era necesario que a personaxe principal fose xornalista. Non podería poñer a un detective ou a un policía, porque habería moitas cousas do seu labor que se me escaparían.

 

Que papel xogan os fenómenos inexplicables na historia? Son unha metáfora ou simplemente un recurso narrativo?

Son as dúas cousas. Non é unha investigación; é unha novela. Nela, os elementos reais e a ficción conviven con liberdade. Eu quería formulalo deste xeito, precisamente, para que aos lectores lles xurdan preguntas como esta. 

 

"Ao criarme na aldea, vivín moito o mundo da morte; as relacións entre os vivos e os mortos. Ía co meu avó aos enterros e pasaba unha hora contemplando ao difunto. Xa daquela facíame moitas preguntas, e hoxe están reflectidas na novela"

 

Lembra un pouco ao realismo máximo da nova narrativa hispanoamericana. Por exemplo, a Márquez. A obra bebe algo del?

Non o pensara, pero ten sentido agora que o comentas. Ademais, son moi lector de García Márquez, así que pode ser que haxa certa influencia, aínda que a outro nivel.

 

Tamén está moi ligada ao contexto e as tradicións locais. Cre que poderá funcionar ben o libro noutras zonas de España que entendan a morte dun xeito diferente?

Creo que si. Ao final, a novela formula dúbidas universais. Nese sentido, cando se publique en castelán creo que poderá funcionar ben. Os temas da vida e a morte están en calquera sociedade. Agora, ademais, a ciencia está traballando moito neste eido, e tamén me parecía interesante reflectilo neste libro.

 

Despois do éxito de 'A viaxe á fin do mundo', que foi o maior reto á hora de escribir 'A muller do muro'?

O maior reto foi deixar presente na novela ese mundo do alén; do máis alá. Este xoga un papel protagonista na novela, pero non é sixelo representalo. Facelo supuxo o gran reto de 'A muller do muro'.

 

ManuelRodriguez
Nunha firma de 'A viaxe á fin do mundo'

 

Traballa xa nalgunha outra historia?

Si, estou empezando outro libro. Relacionado coa busca da verdade, como as dúas que escribín.

 

Por último, como animaría ao lector potencial a darlle unha oportunidade a esta historia?

Diríalles que, se queren ler unha novela na que pasan moitas cousas que implican a este mundo e ao do máis alá, este libro merece moito a pena.

 

Manuel F. Rodríguez: “A realidade vai moito máis alá do que podemos ver”

Te puede interesar