A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Deputación da Coruña, celebra este xoves na Facultade de Bioloxía da USC a última sesión do ciclo “Velando pola nosa relación co mar. Os mares dannos vida”, unha iniciativa que pon o foco na sustentabilidade do medio mariño e na economía azul. O encontro poderá seguirse tamén en liña a través da canle de YouTube da RAGC.
A sesión afondará na importancia das rías como fonte de alimento e emprego, e abordará os efectos do cambio climático sobre o marisqueo galego, unha actividade que emprega a unhas 4.000 persoas en Galicia —o 65 % do total estatal— e xera ao redor de 160 millóns de euros anuais en vendas.
Un dos relatorios centrais será o do biólogo mariño Xabier Irigoien, do centro AZTI do País Vasco, quen defenderá ao mexillón como “a dieta milagrosa infravalorada”. Segundo explica, a súa produción ten un impacto climático mínimo, xa que se alimentan filtrando directamente da auga e non requiren suplementos, reducindo así a pegada de carbono e axudando a limpar os ecosistemas mariños.
Ademais, nutricionalmente son unha fonte rica en proteínas saudables, omega-3, vitamina B12, ferro, zinc e selenio, nutrientes esenciais para o organismo. Por todo iso, o investigador insta a promover o consumo de mexillón como unha opción intelixente e responsable para a saúde humana e a do planeta.
A catedrática de Zooloxía da Universidade de Vigo, Elsa Vázquez, advertirá durante a xornada que os eventos extremos como vagas de calor e choivas torrenciais están xa a afectar gravemente aos bancos marisqueiros, especialmente aos que se atopan na zona intermareal e que cobren especies como o berberecho e diversas variedades de ameixa.
Desde o ano 2000 rexistráronse episodios de alta mortalidade nas Rías Baixas ligados a fortes choivas, con consecuencias económicas importantes. Os impactos non se limitan á perda directa de individuos, senón que tamén inclúen alteracións fisiolóxicas que reducen o crecemento e a capacidade reprodutiva das especies.
Para garantir a viabilidade do sector, a experta propón medidas como:
Pechando o ciclo intervirá o investigador da USC Sebastián Villasante, recentemente nomeado membro da Comisión da Terra para o estudo dos sistemas mariños. O experto analizará o papel da economía azul como eixo de desenvolvemento sostible, nun contexto onde a presión sobre os recursos oceánicos non deixa de medrar.
Villasante sinala que actividades tradicionais como o marisqueo, pero tamén outras emerxentes como a biotecnoloxía mariña ou a enerxía oceánica, serán claves nas próximas décadas, cun crecemento estimado da economía mariña que podería alcanzar os 3 billóns de dólares en 2030.