A educación en Santiago de Compostela e a súa contorna está a experimentar unha transformación sen precedentes. A través do Plan de nova arquitectura pedagóxica, a Xunta de Galicia desenvolve máis de 120 actuacións nos centros educativos da cidade e da súa área de influencia, cun investimento que supera os 31 millóns de euros desde o ano 2021.
Este plan, promovido pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, supón unha aposta decidida pola renovación e modernización dos espazos escolares, adaptándoos ás novas esixencias pedagóxicas do século XXI, con infraestruturas máis eficientes, accesibles e versátiles.
A actuación máis ambiciosa nesta área é a construción do novo Colexio do Milladoiro, no concello de Ames. Cun orzamento superior aos 11,6 millóns de euros e un prazo de execución de 18 meses, esta infraestrutura será a primeira construída integramente segundo os parámetros do Plan de nova arquitectura pedagóxica. A nova edificación dará resposta ao crecemento demográfico deste municipio, un dos máis dinámicos de Galicia.
No mesmo concello, tamén destaca a ampliación do Colexio Agro do Muíño, cun investimento de máis de 3,3 millóns de euros.
Na capital galega, destacan obras como a ampliación do IES Eduardo Pondal, cun orzamento superior aos 3 millóns de euros, e a rehabilitación integral do IES Lamas de Abade, cun investimento próximo aos 800.000 euros.
Tamén se acometeron melloras no Colexio Plurilingüe Mestre Rodríguez Xixirei, con máis de 600.000 euros, así como a reforma do Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega), cunha achega de 500.000 euros.
No marco da segunda fase do plan (ata 2028), están previstas actuacións como a rehabilitación integral do IES Arcebispo Xelmírez II (1,8 millóns de euros) ou a instalación dun ascensor e cambio de cuberta no IES Rosalía de Castro, cun orzamento de 500.000 euros.
Nos concellos da área de Compostela tamén se están a realizar importantes actuacións. En Dodro, o CPI Plurilingüe Eusebio Lorenzo Baleirón foi rehabilitado con máis de 1,4 millóns de euros. En Padrón, o Colexio Flavia recibiu unha achega de 850.000 euros, mentres que en Boqueixón, o CPI Antonio Orza Couto foi renovado con preto de 800.000 euros.
Tamén destacan melloras no IES Camilo José Cela de Padrón (400.000 euros) ou no Colexio O Coto, en Negreira (225.000 euros).
Este verán están en marcha obras como a rehabilitación do CEIP A Igrexa-Calo, en Teo (1 millón de euros), a reforma da cuberta do CEIP Ortigueira, en Vedra (417.000 euros), ou a mellora da cuberta no CEIP Os Tilos, tamén en Teo (374.000 euros). En Oroso, o CEIP Plurilingüe de Sigüeiro está a recibir unha renovación de cuberta por case 300.000 euros.
O Plan de nova arquitectura pedagóxica, cun orzamento global de preto de 500 millóns de euros, abrangue actuacións en todo o territorio galego. A súa finalidade é adaptar os centros educativos ás novas realidades docentes, apostando por espazos máis amplos, flexibles e sostibles.
As obras inclúen dende construcións novas e ampliacións ata intervencións en eficiencia enerxética, como renovación de cubertas, illamento térmico, colocación de paneis solares ou centrais de biomasa. Tamén se mellora a accesibilidade con instalación de ascensores, ramplas e baños adaptados.
O plan contempla ademais intervencións menores pero relevantes, como o pintado de aulas, arranxos de patios, renovación de aseos e outras actuacións que contribúen a crear contornos educativos máis confortables e modernos.
Con este plan, que é a folla de ruta da Xunta de Galicia, renóvanse e modernízanse os centros educativos adaptándoos ás necesidades do futuro