O Centro Xove da Almáciga prepárase para unha nova edición do seu ciclo de clases maxistrais "Compostela en Clave", para o que contarán con profesionais da música de primeiro nivel. Leo Jiménez, Tino di Geraldo ou Pepe Bao son algúns dos artistas que compartirán os seus coñecementos cos mozos e mozas nun programa de balde e para que o prazo de inscrición estará aberto ata o 19 de setembro.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, ven de presentar este ciclo acompañada polo coordinador das actividades musicais do Centro Xove da Almáciga, Guillermo Vistoso, e do técnico do departamento de Xuventude, Manuel Fernández. A tenenta de alcaldesa deu conta, ademais, do programa de residencias, “que tamén da un salto de calidade, coa incorporación de nomes tan recoñecidos como Dakidarría, De Ninghures ou The Rapants, que colaborarán en diferentes actividades do Centro Xove”.
O ciclo de clases maxistrais do Centro Xove da Almáciga ten como obxectivo conectar aos mozos e mozas de Santiago, e sobre todo artistas e bandas que utilizan os locais de ensaio municipais, con profesionais da música de primeiro nivel e cunha longa traxectoria artística.
En setembro haberá dous encontros: o 19 de setembro con Leo Jiménez, o que fora vocalista de Saratoga e Stravaganzza; e o día 30, con Tino di Geraldo, considerado un dos principais percusionistas de flamenco e jazz de España e que tén traballado con artistas como Paco de Lucía ou Raimundo Amador.
No mes de outubro está prevista unha clase maxistral, o día 21, con Pepe Bao, un dos baixistas máis influíntes de España que ten colaborado con artistas como Luz Casal, Barón Rojo, Medina Azahara, ou Manolo García, e que é un dos cofundadores da banda O´Funk´illo.
Por último, para novembro están programados outros dous encontros: o día 4 a clase maxistral correrá a cargo de Pablo Novoa, ex de Golpes Bajos que vén de dirixir o musical Galicia Canibal e que fixo parte da banda do programa Lait Motiv de Buenafuente; e o día 11 de novembro pechará o programa o guitarrista Jorge Martínez, líder de Ilegales.
O Centro Xove tamén tén en marcha o seu programa de residencias, co que lle da soporte a proxectos dirixidos á mocidade, relacionados coa música e as artes escénicas.
Neste curso, no programa de residencias participarán o Coro da Rá, que acollerá novas voces vinculadas ao Centro Xove e colaborará nalgúns dos concertos da programación da Almáciga; Dakidarría, unha banda con máis de 20 anos de traxectoria que participará nun encontro formativo coas formacións do Centro Xove no primeiro trimestre de 2026; e De Ninghures, que realizarán un ensaio aberto nas instalacións da Almáciga e manterán un encontro cos usuarios e usuarias.
Tamén farán parte do programa de residencias a banda compostelá Sr Salvaje, que gravará unha canción cun grupo do Centro Xove e ofrecerá un tour formativo para mostrar a organización e montaxe dun concerto; Zeltia Irevire, artista invitada no Festival Lanzadeira celebrado en agosto; e The Rapants, que participará en diferentes eventos do Centro Xove e tamén nun video promocional do espazo.