A Orquestra e o Coro da USC estrean un roteiro musical por Compostela nas festas do Apóstolo

O ciclo ‘Xeiras. Tres camiños de auga e terra’ ofrecerá concertos gratuítos os días 25, 26 e 27 de xullo en tres espazos simbólicos da cidade
A Orquestra e o Coro da USC estrean un roteiro musical por Compostela nas festas do Apóstolo
Imaxe de arquivo dun concerto do Coro e a Orquestra da USC. Foto: Santi Alvite

A música será tamén protagonista das festas do Apóstolo 2025 da man da Orquestra e o Coro da Universidade de Santiago de Compostela, que presentan unha proposta inédita baixo o título ‘Xeiras. Tres camiños de auga e terra’. Trátase dun ciclo de tres concertos consecutivos, os días 25, 26 e 27 de xullo, que terá lugar en espazos emblemáticos da cidade: a Igrexa da USC, a Casa das Máquinas e a Igrexa da Nosa Señora da Mercede de Conxo.

 

 

A iniciativa enmárcase no Encontro de Verán 2025 da USC e supón unha nova aposta pola descentralización da cultura, achegando á veciñanza de diferentes barrios composteláns a riqueza do proxecto musical da Universidade. Ademais, os concertos serán abertos ao público e de balde, coa colaboración do Concello de Santiago e da Parroquia da Nosa Señora da Mercede de Conxo.

 

Unha viaxe sonora entre auga e terra

O concepto artístico de ‘Xeiras’ articúlase arredor de dúas grandes metáforas naturais —auga e terra—, que se converten en eixes do repertorio interpretado por Coro e Orquestra.

 

A sección coral da USC achegará pezas que evocan a presenza da auga en distintas expresións culturais: desde o murmuro dun regato ata os ritmos afroamericanos, pasando pola espiritualidade dos textos poéticos e a sensualidade do Mediterráneo. A auga, explican desde a organización, simboliza a emoción compartida, a conexión e a fluidez.

 

Pola súa banda, a Orquestra de Corda propón un traxecto por diferentes paisaxes musicais da terra: Béla Bartók, Jean Sibelius, Enrique Granados, o tango arxentino ou a tradición oral africana compoñen un mosaico sonoro que representa a diversidade, a memoria colectiva e as raíces culturais.

 

A cultura como motor identitario

Con este ciclo, a USC reafirma o seu compromiso coa promoción da cultura como ferramenta educativa, social e identitaria. ‘Xeiras’ nace non só como un proxecto musical, senón como unha oportunidade para redescubrir Compostela a través do son, unindo espazos, tempos e persoas nunha experiencia estética compartida.

 

A iniciativa promete ser un dos puntos altos da programación cultural deste verán en Santiago, cunha proposta coidada, participativa e descentralizada que convida a todas as persoas —da cidade e de fóra— a percorrer Compostela ao ritmo da música.

A Orquestra e o Coro da USC estrean un roteiro musical por Compostela nas festas do Apóstolo

Te puede interesar