No mes de setembro comezará a rehabilitación da cuberta e da estrutura metálica do palco da música situado na praza de Lavacolla, cun orzamento de 25.000 euros. As obras, que se desenvolverán en setembro, forman parte dos traballos municipais de mantemento e mellora de espazos públicos que se realizan desde o Concello.
O palco foi construído no ano 1990 e inaugurado o 22 de decembro do mesmo ano. Trátase dunha estrutura de planta dodecagonal, cunha escalinata semicircular de acceso na parte dianteira. Na súa planta interior, semisoterrada, atópase un local para a veciñanza, no que tamén se prevén actuacións de mantemento e mellora nunha fase posterior, como a mellora da instalación eléctrica e a mellora da protección do espazo interior fronte as filtracións de auga.
A intervención prevista nesta primeira fase abrangue a retirada do material de cubrición existente, composto por chapas metálicas en mal estado, para substituílo por outra cuberta tamén metálica e lacada, que garantirá unha maior protección fronte á corrosión. Ademais, procederase á limpeza, lixado e pintado da estrutura metálica, co obxectivo de sanear os elementos deteriorados e prolongar a súa vida útil.