O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Borja Rubio, vén de alertar da necesidade urxente de reforzar o Centro de Información á Muller (CIM) de Santiago, “posto que -explicou-, neste momento, non conta coa suficiente dotación e precisa reforzos inmediatos co fin de garantir unha atención integral ás mulleres”.
“Estamos ante un servizo esencial na loita contra as violencias machistas e na atención integral ás mulleres -dixo- e, o servizo continúa sen contar cun equipo técnico suficiente para atender a demanda crecente da cidadanía”.
Rubio subliñou que “as profesionais do CIM realizan un traballo exemplar e comprometido”, pero advirte que “sen unha aposta decidida por parte do goberno nacionalista, o servizo non pode ofrecer a atención que as mulleres compostelás merecen neste momento. Temos un goberno que presume de compromiso coa igualdade, pero mantén un dos seus principais servizos sen reforzos reais nin planificación a medio prazo”.
O popular asegurou que “é necesario pasar das declaracións simbólicas a políticas públicas reais que garantan recursos humanos estables e suficientes, xa que a igualdade non se defende con pancartas ou actos institucionais, senón con profesionais ben atendidas, equipos completos e servizos que funcionen con estabilidade.”
“Ante esta situación, -subliñou o edil popular-, o Partido Popular de Santiago propón a contratación inmediata dunha educadora social que complemente o traballo xurídico e psicolóxico do CIM, así como o reforzo do equipo de atención psicolóxica con, polo menos, unha nova profesional a tempo completo”
Ademais, Borja Rubio indicou que “considera imprescindible a creación dun plan de coidado e apoio emocional, dirixido ao persoal técnico do centro, co obxectivo de garantir o seu benestar e evitar situacións de desgaste”.
O concelleiro popular reiterou que “se queremos, de verdade, unha cidade comprometida
coa igualdade, entón temos que demostrar iso dotando ben os servizos que fan posible esa igualdade, pero, neste momento, o Concello non o está a facer”.
Así, “o Partido Popular de Santiago -concluíu Rubio- insta ao goberno local a actuar con responsabilidade e a dotar ao CIM dos recursos necesarios para que poida cumprir a súa función esencial na defensa dos dereitos das mulleres e na loita contra as violencias machistas, xa que Santiago non pode permitirse un CIM a medio gas, se queremos estar á altura, temos que actuar con seriedade e con compromiso real”.