A Casa do Cabido de Santiago de Compostela acolle desde este venres, 6 de xuño, a exposición “Tras a pegada das musas”, unha mostra da artista plástica María Eiras, coñecida artisticamente como Mareiras, que propón un percorrido visual para revalorizar o papel das mulleres na creación artística.
A inauguración contou coa presenza da alcaldesa e presidenta do Consorcio de Santiago, Goretti Sanmartín Rei, o xerente do Consorcio, José Antonio Domínguez, e o coordinador da exposición, Juan Conde Roa.
A mostra poderá visitarse de balde ata finais do verán, en horario de martes a sábado de 10:00 a 14:00 h e de 17:00 a 21:00 h, e domingos de 11:00 a 14:00 h.
Inspirada no libro A muller pintada, de Teresa Arijón, a exposición reivindica a voz silenciada de oito mulleres creadoras —entre elas, Suzanne Valadon, Isabel Rawsthorne, Bella Chagall ou Celia Paul— ás que Mareiras rende homenaxe desde a súa propia linguaxe visual. A artista inclúe tamén a súa propia musa masculina, Fausto, invertendo así os roles tradicionais do discurso artístico hexemónico.
As obras amosan unha lectura crítica e poética sobre como foron representadas as mulleres na historia da arte, ao tempo que celebran a súa creatividade como autoras e non só como modelos.
Durante o acto inaugural, a alcaldesa Goretti Sanmartín destacou a importancia de visibilizar o traballo de mulleres artistas, tanto as que protagonizan a mostra como as que tiveron relación con Santiago, como Dolores Rodeiro, Elvira Santiso ou María Cardarelly. “Son mulleres importantes con obra valiosa, e debemos cuestionar como foron representadas historicamente”, afirmou.
A profesora Begoña Álvarez Seijo, responsable dos textos da exposición e actualmente no Wellesley College de Boston, participou a través dunha intervención lida por Juan Conde Roa, na que se puxo en valor o compromiso da artista coa recuperación simbólica das figuras femininas na arte.
María Eiras, directora de Mareiras Espacio de Arte na rúa do Preguntoiro, conta cunha consolidada traxectoria desde 2011. En 2024, a súa instalación Herba de namorar foi seleccionada na Mostra de Arte Contemporánea de Ponte de Lima (Portugal) e tamén presentou Viriditas no Gran Hotel Los Abetos. A súa obra forma parte de coleccións institucionais como a da Xunta de Galicia, a Cidade da Cultura, o Casino de Compostela ou a Fundación Eugenio de Almeida.