O Pino reafirmou esta fin de semana a súa identidade rural e festiva coa celebración da XXIV Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar, declarada de Interese Turístico de Galicia. A cita congregou centos de persoas durante dúas xornadas cheas de actividades, que incluíron exhibicións ecuestres, feira avícola, música en directo, obradoiros artesáns e mesmo unha media maratón.
Un dos pratos fortes da xornada dominical foi a XXIV Feira Avícola de Galos e Galiñas de Raza Piñeira, con 70 exemplares en exhibición e un alto nivel competitivo. A criadora Carmen Barral foi a gran vencedora, levando seis trofeos nas principais categorías, entre eles o primeiro premio ao galo piñeiro ancestral e á galiña piñeira branca.
Tamén destacaron Carlos e Lucas Magadán, con tres premios cada un, e o alcalde de Ares, Julio Iglesias, quen participou tamén como criador e levou o primeiro premio ao galo piñeiro branco.
Desde as 09.00 horas, a Mostra Cabalar deu comezo ás actividades, que se sucederon sen descanso: animación de rúa, xogos para a cativada, espectáculos de maxia e circo, unha concurrida feira de artesanía e, como punto culminante, a tradicional degustación gratuíta de 200 kg de galo piñeiro, antes do xantar popular baixo carpa, con 1.500 persoas asistentes.
No acto institucional, celebrado ás 14.30 horas, participou o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, José González Vázquez, quen destacou o compromiso co medio rural e as razas autóctonas. Estivo acompañado por representantes do PPdeG, alcaldes e concelleiros de varios municipios da contorna e o propio alcalde do Pino, Manuel Taboada, que agradeceu a súa presenza e implicación.
A festa comezara xa o sábado cunha importante novidade: a media maratón “Os 21 do Galo Piñeiro”, que uniu Arzúa e O Pino a través do Camiño Francés e contou con 200 participantes. A música tampouco faltou, con concertos de Píscore e Queiman como apertura dunha fin de semana chea de contido.
Xa pola tarde do domingo, continuaron os actos ecuestres con carreiras de trotóns, exhibicións de enganche e arrastre, ademais do espectáculo “Pura Vida” e o musical “Historia da Verbena” de La Oca Band, que puxo o broche final a unha edición que volveu demostrar que O Pino é sinónimo de tradición viva e orgullo rural.
A organización da festa correu a cargo do Concello do Pino, co apoio da Deputación da Coruña, Xunta de Galicia, Agacal, Agadic, Fundación Artesanía de Galicia e ABANCA.