O PP de Santiago pide explicacións ao BNG pola perda doutra axuda de 112.00 euros para a revitalización da praza de Abastos

“O máis lamentable -explicou Olaya Otero- é que o goberno local non parece ter interese en reverter a actual situación do mercado, como demostra que se acaben de perder unha nova axuda destinada a melloras na infraestrutura e formación para os vendedores”
O PP de Santiago pide explicacións ao BNG pola perda doutra axuda de 112.00 euros para a revitalización da praza de Abastos
Mercado de Abastos de Santiago. Foto de Eladio Lois

A concelleira do Partido Popular de Santiago, Olaya Otero, denunciou onte, en rolda de prensa, o abandono ao que o BNG ten sometido á praza de Abastos, xa que os nacionalistas volven perder unha nova axuda, nesta ocasión son 112.000 euros para a revitalización do mercado, polo que as cantidades malogradas suman xa máis de 2,1 millóns de euros.

 

Para a popular, “esta é unha mostra grave da incompetencia do goberno nacionalista, que, unha vez máis, perde fondos para un espazo fundamental na economía e identidade da nosa cidade e que leva anos sufrindo nun declive continuado”.

 

Otero remarcou que “o máis lamentable é que o goberno local non parece ter interese en reverter a actual situación do mercado, como demostra a nova perda de cartos dunha subvención que tiña por obxecto realizar melloras nesta infraestrutura”.

 

“En apenas 6 meses, este “desgoberno” nacionalista conseguiu o triste récord de que o mercado de Abastos de Santiago se quede, nada mais e nada menos, que sen 2.112.000 euros: os 112.000 € de agora e 2.000.000 €, de Fondos Next Generation, perdidos no mes de novembro”, lembrou.

 

A popular subliñou que “estamos ante unha incompetencia e un desleixo absoluto, porque este non é un caso illado. A torpeza e falta de capacidade son evidentes, posto que as bases desta última subvención perdida establecían, claramente, que as axudas se outorgarían en réxime de concorrencia non competitiva, ou o que é o mesmo, ata que se esgotasen os fondos”.

 

Na súa intervención, a concelleira popular tamén lembrou que “nada se sabe, nin a oposición, nin as persoas que alí traballan, da nova modalidade de xestión, unha vez remate o actual contrato no vindeiro mes de agosto, pese a ter preguntado en varias ocasións”.

 

A popular destacou que “o BNG recorda, cada vez mais, a un hámster na roda, atrapado nun ciclo repetitivo de estudos, anuncios grandilocuentes e publicidade, pero que non avanza cara ningures, xa que a realidade demostrase con feitos e o triste é que nada se fixo para mellorar a calidade de vida da veciñanza, nin para dar resposta as necesidades reais da cidade”.

 

Finalmente, concluíu reclamando “explicacións pola perda destes 112.000 euros e esixindo que se cumpran os acordos plenarios e que informen sobre o tipo de xestión que se levará a cabo unha vez se remate o actual contrato da xestión da praza”.

O PP de Santiago pide explicacións ao BNG pola perda doutra axuda de 112.00 euros para a revitalización da praza de Abastos

Te puede interesar