Reportaxe | Así era a vida universitaria na Compostela do século XIX

Dende 1886 a 1906, a Casa da Troia foi o hospedaxe estudantil máis importante da cidade. Hoxe é unha fiestra a través da cal se pode ver como era a vida en Santiago hai máis de 100 anos
Reportaxe | Así era a vida universitaria na Compostela do século XIX
Unha das salas do Museo da Casa da Troia | Xunta

Compostela é moito, diso non cabe ningunha dúbida. É cidade de artistas, de peregrinación, de turismo e, desde hai uns cinco séculos, unha cidade universitaria.


O peso internacional da Universidade de Santiago, unha das máis antigas de España, fixo que persoas de todas as partes do mundo viñesen á capital galega a estudar, a investigar e, o resto do tempo, a vivir.


A vida dos estudantes mudou moito co paso do tempo. Hoxe, especialmente para a xeración á que pertencemos os acabados de graduar, resulta incluso complicado pensar como era coñecer xente sen redes sociais e ir a clase sen un ordenador.


Máis complicado aínda, é pensar nun momento no que a información só estaba nos libros, e non espallada por todas partes como agora. Nada de coches, móbiles e os demais artiluxios tecnolóxicos que na actualidade consideramos imprescindibles.


O presente é menos romántico, pero moito máis cómodo. E grazas a iso coñecemos algúns recunchos que nos permiten botar a ollada atrás para imaxinarnos como era a vida dos universitarios na Compostela de hai máis de cen anos.

 

Unha viaxe no tempo 


Un deles é a Casa da Troia. Trátase, en poucas palabras, dun museo que recrea o ambiente e decoración da pensión de estudantes e da vida universitaria de Santiago a finais do século XIX, tal e como se narra na novela de Alejandro Pérez Lugín ‘La Casa de la Troya’.

 

16troya1
Exterior do edificio


Sábese que dende 1886 ata 1906 esta funcionaba como hospedaría de universitarios, e tras a súa rehabilitación nos anos noventa, no edificio distribuíronse as estancias e cuartos da pensión tal e como aparecen na novela.

 

Casa de la troya
Sala común

 

Tras a recepción na planta baixa, no primeiro andar recréase o antigo salón e zona de estudio, (ademais de ser noutras épocas o lugar de ensaio da tuna compostelá), e a sala de respecto, o lugar de recibir ás familias dos estudantes. No segundo andar están os dormitorios, e no ático atópase a cociña, na zona alta da casa para aproveitar a luz natural e a evacuación do fume. 

 

16troya3
Un dos dormitorios da Casa


O seu director, Benigno Amor, defínea como “unha pequena viaxe no tempo”, para explicar que retrata “unha cidade máis pequena en todos os sentidos”.


Lembra que era un momento no que as mulleres non tiñan acceso aos estudos superiores. Porén, no que é a socialización, Amor puntualiza que, como hoxe, “a vida facíase no Casco Vello”.


En relación á vida puramente académica, o director do museo explica que case toda a vida “se concentraba nas facultades, nas rúas e os cafés”.


En definitiva, un día a día sinxelo que, malia a diferenza contextual, non se afasta moito da esencia que todo a punta a que sempre terá a movemento universitario compostelán.


O museo estará aberto desde hoxe ata o próximo domingo, polo que se presenta unha boa ocasión para coñecer como era a cidade no século XIX, porque Compostela é moito. Moito máis, incluso, que unha cidade universitaria.

Reportaxe | Así era a vida universitaria na Compostela do século XIX

Te puede interesar