Reportaxe | De Santiago a Alemaña por amor á arte… e á tecnoloxía

Con apenas vinte e catro o santiagués Fernando Leyra xa leva ás costas unha importante bagaxe no mundo da interpretación e no do traballo académico en torno ás ciencias aplicadas á creación artística
Reportaxe | De Santiago a Alemaña por amor á arte… e á tecnoloxía
Fernando Leyra

Fernando Leyra (Santiago de Compostela, 2000) é desas persoas terremoto, ávidas de coñecemento e de experiencias, das que aproveitan cada segundo para coñecer un pouco máis sobre quen somos e cara a onde imos.

 

Fernando é un artista. Así, con todas as letras. E éo desde ben pequeno. Ante as adversidades, sempre tratou de sacar un lado de proveito que lle servise para medrar como persoa. Cando era neno tivo que cambiar de escola e iso supuxo un cambio radical do seu círculo social. De repente, enfrontouse a non ter un grupo de amigos cos que compartir as súas inquedanzas.

 

Nesa etapa descubriu o grupo de teatro local, un revulsivo na súa existencia: “Pareceume a oportunidade perfecta para facer amigos. Ademais, sempre fora a teatro, desde o berce, polo que xa estaba conectado con ese mundo”.

 

O amor pola interpretación sempre correu polas veas de Fernando. “A interpretación é a miña matriz, o que máis desfruto. Non é unha etapa no meu devir, é un ser. Sempre que podo tento traballar no cine”, asevera.

 

A interpretación é a miña matriz, o que máis desfruto.  Non é unha etapa no meu devir, é un ser. Sempre que podo tento traballar no cine

 

A medida que foi medrando comezou a participar en procesos de selección para videoclips e curtametraxes, e foi traballando cando descubriu que iso era o que máis feliz o facía: “O cine é unha máquina perfecta na que cada individuo é unha peza moi específica. Ver como toda a colmea traballa ao unísono no set e saberme parte desa modesta máquina faime sentir moi querido”.

 

O cine é unha máquina perfecta na que cada individuo é unha peza moi específica. Ver como toda a colmea traballa ao unísono no set e saberme parte desa modesta máquina faime sentir moi querido

 

Con apenas 24 anos xa ten participado nun corpus relevante de pezas audiovisuais entre as que destacan a curtametraxe ‘5 minutos más’ (Raquel Mendoza et al., 2022), a súa aparición na serie ‘Operación Marea Negra’ (Amazon Prime, 2023) e o seu papel protagonista na longametraxe ‘Vestida de Blanco’ (Juan Carlos Blanco, 2022).

 

Esta última foi unha coprodución internacional entre México e España na que Fernando se introduciu no último momento. Conta que se presentou ao casting fóra de prazo e a sorte estivo da súa parte: “Cando me colleron dixéronme que se empezaba a rodar a semana seguinte. Nin sete días tiven para estudar todo o guión, páxinas e páxinas de puro texto. Foi unha experiencia moi intensa”.

 

Nesta longametraxe tivo a oportunidade de traballar coa actriz Raquel Menor, que na actualidade está a traballar na internacionalización do cine galego, creando alianzas sobre todo con México e os Estados Unidos “e que para min é un exemplo a seguir. Unha amizade que manteño e o mellor regalo do audiovisual”.

 

‘Vestida de Blanco’ foi un proxecto que impulsou a súa carreira profesional como actor, e na actualidade segue presentándose a audicións “aínda que non estou nun proxecto en concreto. Teño un amigo que é crítico de cine, David Luaces, tamén galego, que me berra por non estar traballando no cine. A realidade é que non podo escapar del, é unha cousa que está dentro”.

 

A realidade é que non podo escapar do cine, é unha cousa que está dentro de min

 

De Santiago ao estranxeiro

 

Fernando estudou Belas Artes na Universidade Complutense de Madrid xa que, ademais dunha carreira profesional, sempre soubo que quería traballar nunha carreira académica. O santiagués quixo facer algo co que seguir ligado a aquelo que tanto o caracteriza, a creatividade, unha capacidade intrínseca a el: “Belas Artes era a única opción que me prometía ter un contacto directo coa arte e a creatividade, para seguir cultivando estas habilidades”.

 

Belas Artes era a única opción que me prometía ter un contacto directo coa arte e a creatividade, para seguir cultivando estas habilidades

 

Nos anos que durou a carreira tivo a oportunidade de enfrontarse a novas disciplinas como a fotografía analóxica, a escultura ou incluso a forxa. “Pero o meu é a arte tecnolóxica, esa que descubrín e que cambiou a miña vida cando fixen un Erasmus na Kunsthochschule Kassel, en Alemaña”, confesa. 

 

En Alemaña foi onde comezou a verdadeira definición do camiño vital de Fernando. Despois de graduarse cun traballo académico sobre arte e tecnoloxía, foi admitido no departamento de investigación de New Media da universidade alemá referida, dirixido polo profesor Joel Baumann, e empezou a investigar novas tecnoloxías aplicadas á creación. “Souben que o meu era traballar na intelixencia artificial, no 3D… e máis recentemente no concepto de avatar, en como as identidades humanas e as ciencias sociais evolucionan e cambian coa tecnoloxía e a dixitalización profunda”.

 

Ferleyraavatar
Un avatar | Fernando Leyra

 

Hai poucos meses Fernando realizou unha exposición, de nome iLeyra, na que profundou na identidade e a propiocepción a través dos avatares, que define coma os “vehículos inmateriais que os seres conscientes de si mesmos utilizan para experimentarase a si mesmos ou en planos vibracionais inferiores da realidade”.

 

A intención de Fernando é seguir estudando esta área do coñecemento, “reflexionar sobre a identidade dixital, sobre a imaxe que desexamos ser de nós mesmos e que grazas á tecnoloxía podemos ter”. Revela que para el foi relevante pertencer a unha xeración con acceso a Internet, medio a través do cal puido formarse a nivel autodidacta e coñecer o traballo doutros artistas para inspirarse e aprender.

 

Novos horizontes

 

Fernando Leyra vén de recibir unha bolsa completa para formar parte dun programa formativo da empresa alemá Jung von Matt, líder no sector da publicidade. Pasará os próximos meses en Zürich profundando “en novas tecnoloxías aplicadas á creatividade funcional, desde o punto de vista mercantil”. “Poderei utilizar os meus coñecementos para crear arte para marcas, algo que sempre me fascinou xa que me impacta o pop art de Andy Warhol, esa maneira de conectar o capitalismo coa creatividade”, explica.

 

Ferleyramoda
Fernando Leyra | CEDIDA

 

A máis longo prazo é difícil saber que será de Fernando. Que seguirá vinculado á creatividade, á arte e á tecnoloxía é seguro. Porén, cando se lle pregunta se volverá a Santiago, á súa casa, a resposta non está clara: “Son un emigrante máis da longa historia da emigración galega, e ese é un debate que exploro moito na miña arte. Estamos nunha crise económica na que ata a xente máis importante que temos vive mal. Mentres a situación non cambie, non teño outra que quedar no estranxeiro, non sen pena e sen amar moito España e Galicia”.

 

Reportaxe | De Santiago a Alemaña por amor á arte… e á tecnoloxía

Te puede interesar