Os roteiros teatralizados da Casa de la Troya volven ao centro histórico de Santiago

As visitas culturais, que comezan este venres, permitirán descubrir a Compostela do século XIX da man do estudante Casimiro Barcala
Os roteiros teatralizados da Casa de la Troya volven ao centro histórico de Santiago
Foto de arquivo dun dos roteiros celebrados en anos anteriores

O Museo Casa de la Troya retoma os seus roteiros troyanos, visitas culturais teatralizadas polo centro histórico de Santiago de Compostela, en colaboración coa Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Universidade de Santiago, a Asociación de Antiguos Compostelanos e Alumni da USC. O primeiro percorrido desta nova edición terá lugar este venres, 23 de maio, ás 19:00 horas, partindo da praza de Mazarelos. A actividade, que se estenderá ata o mes de outubro, contará con novas datas o 13 de xuño, o 11 e o 25 de setembro, e o 10 de outubro.

 

 

Os roteiros, que se veñen celebrando dende 2017, están xestionados pola Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que tamén administra o museo. Benigno Amor, presidente da asociación, destacou que estas visitas teatralizadas "buscan achegar aos participantes, de maneira amena e divertida, os feitos históricos relativos ao tempo no que transcorre a novela de Pérez Lugín La Casa de la Troya". Durante o percorrido, os asistentes descubrirán como era a cidade naquel entón, os usos sociais hoxe desaparecidos e as personaxes e anécdotas propias da época.

 

Detalles dos roteiros

A actividade parte da praza de Mazarelos e conta cun máximo de 16 participantes por roteiro. O prezo é de 6 euros, con tarifa reducida de 3 euros para menores de 16 anos. As reservas poden realizarse a través dos teléfonos 981 585 159 / 695 211 266 ou do correo electrónico visitas@lacasadelatroya.gal.

 

Cada roteiro, que remata cunha visita guiada á Casa de la Troya, ten unha duración aproximada de unha hora e media. Os asistentes poderán viaxar no tempo ata a Compostela de finais do século XIX da man de Casimiro Barcala, o estudante recreado por Pérez Lugín na súa obra, interpretado por Suso Martínez, historiador, guía turístico e actor especializado na historia de Galicia. Nesta actividade, a información cultural e histórica mestúrase co humor, vencellando os lugares visitados coa trama do libro.

 

O Museo Casa de la Troya permanece aberto de xoves a sábado, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, con visitas guiadas de entre 20 e 25 minutos en grupos de ata doce persoas. Para máis información, pódese consultar a páxina web oficial en www.lacasadelatroya.gal.

Os roteiros teatralizados da Casa de la Troya volven ao centro histórico de Santiago

Te puede interesar