Dous quilómetros de carril bici, máis prazas de aparcamento para residentes, e un viario cun tráfico máis pacificado. Ese será o resultado das actuacións que se están executando nas avenidas de Xoán XXXIII e do Burgo das Nacións, que hoxe presentaron os concelleiros de Mobilidade, Xan Duro, e Obras, Xesús Domínguez. Tal e como explicaron, o obxectivo é "avanzar nun modelo de mobilidade máis sostible, con máis espazo para os peóns e para a bicicleta, e máis seguro para as persoas viandantes".
A actuación que xa está en marcha suporá a supresión de dous carrís de circulación na avenida de Xoán XXIII, "á que lle queremos dar un tratamento acaído a unha vía urbana na que o límite de circulación é de 30 quilómetros/hora". Desa maneira, gáñase espazo para acondicionar cadanseu carril bici de subida e de baixada a ambos lados da calzada. Ese carril bici terá continuidade pola avenida do Burgo das Nacións ata o entronque coa avenida de Castelao, en Vite. Seguindo cara San Caetano, vaise acondicionar unha senda que atrevese o parque Pablo Iglesias e Blanco Amor, que chegará ata a senda xa existente na rúa dos Irmandiños que vai dar ao aparcamento disuasorio de Salgueiriños. Ademais, a previsión é comunicar tamén o carril bici co que xa está sinalizado nas Cancelas e coa futura senda ciclable que está a construir a Xunta desde Milladoiro.
En total, con esta actuación Santiago gañará dous quilómetros de carril bici. O concelleiro de Mobilidade lembrou que a vontade do Goberno "é fomentar os modos brandos de transporte, facer de Compostela unha cidade máis amable coa bicicleta, e facilitar a convivencia da bici con outros vehículos, tal e como se está facendo noutras actuacións".
Máis aparcamento para residentes
A supresión de carrís de circulación en Xoán XXIII tamén permitirá acondicionar máis prazas de aparcamento: das 23 actuais pasaráse a 70, todas elas para o uso de residentes. Xan Duro explicou que "con esta reserva, queremos atender á poboación da zona, pero tamén evitar tráfico parásito, que é aquel que se move procurando unicamente un lugar para estacionar".
O concelleiro de Obras explicou que a actuación tamén contempla a elevación dos pasos de peóns existentes, "co obxectivo de mellorar a seguridade para os peóns, que xa non terán que atravesar catro carrís, de mellorar a accesiblidade e taménde facer cumprir os límites de velocidade". Nese sentido, Xesús Domínguez incidiu en que Xoán XXIII "é un viario que está sobredimensionado, e consideramos moi positivo reducir os catro carrís de circulación a só dous, procurando unha cidade máis amable".
A reforma de Xoán XXIII suporá un investirá algo máis de 70.000 euros, entre a obra civil e o pintado e sinalización.
O goberno local destaca que se trata dunha actuación transversal enmarcada no urbanismo táctico, que se enmarca no reto dunha Compostela mellor para vivir, cun espazo más habitable e máis seguro para as persoas. Non en van, Domínguez dixo que este proxecto "non é unha obra illada da acción de goberno, senón que forma parte dun proxecto global no que se estudará a viabilidade de estendelo a outras rúas de similares características da cidade".