O suministro de auga a Santiago está garantido, mais o seguimento continuado da situación hidrolóxica vivida coa vaga de calor e ausencia de chuvias amosa que o nivel do río Tambre no punto de captación para Santiago, principal fonte de abastecemento da cidade, descendeu por debaixo do caudal ecolóxico ordinario.
Aínda con este descenso no punto de captación da ETAP, é necesario ter en conta que o seguimento semanal do estado do encoro de Vilagudín indica que as reservas existentes actualmente son do 99,27%.
Tamén se aprecia que o consumo de auga potable está actualmente en niveis moi elevados, nun momento en que o caudal do Tambre está descendendo con rapidez. Ademais, as previsións meteorolóxicas apuntan a que nas vindeiras semanas se manterán as altas temperaturas e a ausencia de chuvias, polo que non se prevé unha recuperación do caudal a curto prazo.
Ante esta situación, o Concello está a minimizar os consumos municipais de auga non esenciais, aínda que este tipo de consumos representa tan só o 10% do total, e volve apelar á cidadanía para que faga un consumo responsable e racional de auga. Tamén insta ás empresas e industrias a reducir ao mínimo imprescindible o consumo de auga da rede municipal.