A Xunta de Goberno do Concello de Santiago aprobou hoxe a adxudicación das obras para mellorar a accesibilidade en catorce puntos da cidade, cun orzamento de 229.847,23 euros. O proxecto será executado pola empresa Inside The Team, unha compañía de edificación con sede en Compostela, e inclúe medidas como pasos de peóns elevados, mellora de beirarrúas e instalación de pendentes adaptadas para persoas con mobilidade reducida.
Raxoi detallou que a empresa adxudicataria presentou a oferta económica máis vantaxosa e, ademais, comprometeuse a "ampliar o prazo de garantía en cinco anos, reforzar o control da calidade e aumentar as medidas de control ambiental".
As actuacións inclúen a mellora da accesibilidade en puntos estratéxicos como:
Estas obras están aliñadas co Plan de Accesibilidade Universal de Santiago e teñen como obxectivo principal crear itinerarios peonís seguros e accesibles. Segundo explicou Domínguez, levaranse a cabo traballos como regularización dos pavimentos, ampliación de beirarrúas e instalacións con pendentes inferiores ao 6% para garantir unha mobilidade máis cómoda para toda a cidadanía.
A Xunta de Goberno tamén aprobou a contratación da redacción do proxecto e dirección das obras de reurbanización da rúa Castrón Douro – Sar, unha actuación clave para mellorar a accesibilidade, evitar inundacións e revitalizar o espazo público.
Este proxecto, cun orzamento de 102.869,99 euros, forma parte do Obxectivo Estratéxico 2 da Axenda Urbana 2030, que busca revitalizar a cidade consolidada e conectar os dous aneis urbanos. O concelleiro da área responsable destacou que "se aplicarán criterios de calidade urbana similares aos da cidade histórica", debido á súa proximidade coa Colexiata de Sar e a súa conexión coa Cidade da Cultura.
Outra das iniciativas aprobadas hoxe foi a execución dun parque infantil e biosaudable na antiga estación de Verdía, cun orzamento de 150.000 euros e un prazo de execución de 40 días. Este proxecto será financiado a través do plan POS+ 2025 da Deputación da Coruña.