O Concello de Santiago celebrará o vindeiro martes 19 de agosto, ás 11:00 horas no exterior do Pazo de Raxoi, o acto institucional en lembranza do alcalde republicano Ánxel Casal, asasinado o 19 de agosto de 1936 en Cacheiras tras o golpe militar. No acto intervirán a alcadesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, e o alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril Ramos. O acto é aberto ao público.
O acto ten por finalidade honrar a memoria de Ánxel Casal e das persoas represaliadas pola defensa da liberdade, a democracia e os dereitos colectivos, nun exercicio de recoñecemento institucional e de compromiso coa memoria histórica.
Na lembranza está prevista a participación de representantes dos concellos de Santiago, Teo e Arzúa, tres localidades unidas polos últimos momentos da vida de Casal e polos lazos históricos que comparten coa súa figura. Tamén están convidadas as corporacións municipais destes tres concellos, así como persoas e entidades vinculadas ao ámbito da memoria histórica.
A través desta iniciativa, o Concello de Santiago reafirma o seu compromiso coa recuperación da memoria histórica e coa posta en valor das persoas que, como Ánxel Casal, dedicaron a súa vida á defensa dos dereitos civís, á cultura galega e á construción dun país máis xusto e igualitario.
Alén de ser o alcalde de Santiago de Compostela en 1936, Ánxel Casal tamén foi vicepresidente da Deputación da Coruña, impulsor do Estatuto do 36, membro do Partido Galeguista e integrante das Irmandades da Fala.
A traxectoria política de Ánxel Casal estivo estreitamente vinculada a un intenso labor cultural, a través da súa faceta de impresor e editor e do impulso á normalización da lingua galega. Tanto el como a súa muller, María Miramontes, tiveron unha importancia destacada en diversos proxectos tanto para Santiago como para o conxunto do país, como proba a fotografía que recolle a presenza de ambos os dous na entrega do Estatuto de Autonomía de 1936 en Madrid.