O Santuario Vacaloura naceu en Santiago no ano 2013. Inés Trillo e Mario Santiago eran coñecidos na localidade polo seu activismo nas rúas, onde divulgaban sobre o veganismo e a necesidade de protexer os animais e non velos coma comida. Algúns particulares comezaron a levarlles ovellas, galiñas e outras especies que non son facilmente adoptables para salvalos dunha morte segura. Primeiro acolléronos no baixo da súa casa, que dispuña dunha horta.
Pronto se deron de conta de que necesitaban un espazo máis grande e con máis recursos. Nese momento decidiron fundar a asociación Vacaloura e buscar voluntarios que colaborasen con eles. Mudáronse a unhas instalacións máis amplas en Compostela cun propósito claro: “salvar animais que son considerados comida pola maior parte da sociedade e que para nós son individuos que teñen o mesmo dereito a vivir que calquera animal sentinte”.
O santuario animal en Santiago chegou a albergar ata 250 animais de granxa, pero na actualidade xa non só se lles queda pequeno, senón que se atopa nunhas condicións que non son axeitadas para o benestar das especies: “as instalacións están, literalmente, caendo a cachos. Ademais aí estamos de alugueiro e iso ten data de caducidade. Temos estabilidade, tiñamos 200 animais que dun día para outro nos poderían poñer na rúa”, explica Inés.
Agora eses animais, entre os que se atopan patos, galos, carneiros, porcos, ocas ou peixes, están reubicados nunha nave que adquiriron en Arzúa. En Santiago xa só quedan 14, os máis grandes: equinos, touros… que esperan poder levar pronto tamén para o concello arzuán. Nesa vila conseguiron o terreo co que sempre soñaron Inés e Mario: “un lugar no que os animais puideran vivir o resto dos seus días. Arzúa foi o máis próximo a Compostela que atopamos, e tamén o máis alcanzable coas dimensións suficientes”
Buscabamos un lugar no que os animais puideran vivir o resto dos seus días. Arzúa foi o máis próximo a Compostela que atopamos, e tamén o máis alcanzable
Eles viven sempre onde están os animais, porque os coidan as 24 horas do día os sete días da semana, ben sexa por enfermidades ou mesmamente para poder cubrir as súas necesidades básicas. Como aínda están en dous espazos diferentes, trasládanse de Santiago a Arzúa diariamente para poder atender todas as demandas.
A pesar da súa localización, o Santuario Vacaloura non acolle animais dunha área en concreto, senón que atende casos individuais dos que van tendo noticia: “tennos chegado algún animal de fóra de Galicia e incluso de Portugal, pero claro, tamén hai que ter en conta que ás veces non podemos abarcar toda a demanda, polo que nos poñemos en contacto con refuxios coma o noso para velar pola seguridade dos animais”, indica Inés.
Ademais dos particulares que chaman pedindo axuda, tamén as administracións se poñen en contacto con eles cando identifican casos de maltrato animal. Asemade, recollen as vítimas de accidentes de tráfico na estrada nesas ocasións nas que o involucrado é un camión con animais de granxa que resultan feridos.
Animais enfermos, a tónica xeral
A meirande parte dos animais que chegan ao Santuario Vacaloura están enfermos: “fáiselle unha selección xenética para que produzan máis, ben sexa leite, ovos… e iso ten impacto na súa saúde, son enfermos crónicos. Estes animais requiren coidados veterinarios específicos para sempre”, explica Inés.
Fáiselle unha selección xenética para que produzan máis, ben sexa leite, ovos… e iso ten impacto na súa saúde. Estes animais requiren coidados veterinarios específicos para sempre
As galiñas adoitan padecer cancro de oviduto debido á sobreposta de ovos, por exemplo. Hai pouco, no santuario tiveron que aplicarlle a eutanasia a un touro cun peso superior ao normal porque as súas articulacións non resistían: “tivo moitos problemas desde pequeno, ata que quedou paralítico”.
O compromiso de Inés e Mario é férreo e sacrificado, á par que doloroso polas circunstancias ás que moitas veces deben facer fronte. É un traballo exixente que, como eles aseguran, non poderían soster sen o apoio das persoas que os axudan dunha ou doutra maneira diariamente.
Agradecen infinitamente o labor dos case 40 voluntarios que se encargan da limpeza, da xestión dos mercados para recadar fondos, das redes sociais ou da organización de eventos. A través dos mercados e dos eventos conseguen recadar fondos para o santuario, igual que mediante as cotas mensuais dos socios, as doazóns dos grupos de teaming e as madriñas e padriños dos animais, que son persoas que apadriñan a un animal co que teñen afinidade mediante a contribución dunha cantidade económica ao mes.
Para tomar acción, primeiro é importante concienciar. Nese sentido, outra parte indispensable do labor de Inés e Mario pasa por difundir o seu modo de vida a través de charlas e talleres. Organizan obradoiros de comida vegana para facer ver as alternativas que hai ao consumo de carne e o fácil que é prescindir dos animais.
Ata hai pouco tamén realizaban xornadas de portas abertas no santuario para mostrar os animais acollidos e explicar de onde viñan, en que condicións e as súas personalidades: “aínda que consumimos millóns de animais anualmente, descoñecémolos completamente. A maioría vive en macrogranxas e a xente non sabe como é realmente, por exemplo, un porco, nin como relacionarse con el. A xente alucina cando me ve acaricialo e el reacciona con agarimo. Hai un descoñecemento grandísimo sobre como son os animais que matamos a diario”, sentencia Inés.
Por iso iniciativas como a do Santuario Vacaloura son esenciais. Pero manter un espazo así é complexo e require dun grande esforzo económico. Na actualidade están a construír unha nova nave en Arzúa para os animais que aínda quedan en Compostela, pero precisan 15.000 euros para acometer a segunda fase: “para nós isto é prioritario porque os animais que nos faltan por traer están nunhas instalacións que caen”. A situación é límite e urxente, polo que expresan a súa gratitude a todo aquel que colabore con doazóns, amadriñando, mercando na súa tenda ou nos mercados, facéndose voluntario ou mesmo seguíndoos nas redes sociais e compartindo o seu labor.