A compañía Teatro do Noroeste despídese este sábado, 24 de maio, da súa aclamada produción Gloria Nacional, que culmina unha xira de catro anos polos escenarios galegos e estatais. O Teatro Principal de Santiago será o espazo que acolla, a partir das 20:30 horas, este último pase, enmarcado nos focos “Teatro do Noroeste” e “Memoria en Escena” da programación de Compostela Cultura.
A peza, escrita e dirixida por Eduardo Alonso, con interpretacións de Miguel Pernas, Luma Gómez e Manuela Varela, propón unha reflexión crítica sobre o papel da arte e dos artistas na sociedade contemporánea, abordando cuestións como a servidume cultural, a instrumentalización política da creación e a tensión entre liberdade e censura.
Na obra, Uxío Rodas (Miguel Pernas) é un recoñecido escultor e pintor que, en plena crise creativa e persoal, recibe o encargo de crear unha escultura monumental para simbolizar a nación. A medida que avanza no seu traballo, recibe as presións dunha ministra de Cultura (Manuela Varela) e dunha marchante de arte (Luma Gómez), que o empurran a cuestionar a súa integridade artística e o sentido da súa obra.
A montaxe, que combina humor e crítica social, propón unha revisión lúcida e actual do papel do creador na construción dos imaxinarios colectivos.
Gloria Nacional conta con espazo sonoro de Brais Morán, escenografía e vestiario do Equipo Taetro, vídeos de César Seijas e produción de Eva Alonso. É unha coprodución do Concello de Narón a través do seu Padroado da Cultura, coa colaboración da Xunta de Galicia e o Concello de Ames.
As entradas están á venda de forma anticipada no Punto de Información Cultural da Zona C (Praza de Cervantes) e na web compostelacultura.gal. De quedaren localidades dispoñibles, poderán adquirirse tamén no despacho do Teatro Principal desde as 19:30 horas do sábado.
Ao remate da función terá lugar unha sesión de posfunción, unha conversa aberta entre artistas e público para afondar nos contidos e proceso creativo da obra.
Con este derradeiro pase de Gloria Nacional, Compostela Cultura pon fin ao foco temático que, ao longo de 2025, recoñeceu a traxectoria de Teatro do Noroeste, unha das compañías máis veteranas e influíntes da escena galega, fundada en 1987.