A USC capta máis da metade dos fondos para investigación competitiva do sistema universitario galego

A institución compostelá lidera a captación de recursos tanto na convocatoria autonómica, como na estatal, logrando financiamento nesta última para máis de 60 proxectos
A USC capta máis da metade dos fondos para investigación competitiva do sistema universitario galego
Imaxe de arquivo dun laboratorio da USC | Santi Alvite

A Universidade de Santiago de Compostela acadou un total de 13.536.000 euros, o que supón o 52,85% do total dos fondos adxudicados ás universidades galegas, ao abeiro das axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas que outorga a Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. A esta cifra hai que sumar os máis de 60 proxectos da institución compostelá que acaban de recibir financiamento no marco do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación (PEICTI), no seo do Subprograma Estatal de Xeración de Coñecemento Científico-Técnico e Desenvolvemento Experimental.


A convocatoria autonómica céntrase na consolidación e estruturación de unidades de investigación nas universidades públicas de Galicia, nas súas tres modalidades: Grupos de Referencia Competitiva, Grupos con Potencial de Crecemento e Proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente. Os resultados acadados pola USC son especialmente positivos no financiamento dos Grupos de Referencia Competitiva, un total de 31, cun financiamento global de 10.580.000 euros. Isto implica unha media de 341.000 euros por cada grupo. Ao abeiro desta modalidade da convocatoria, a USC logrou captar o 56,30% dos proxectos e fondos das tres universidades públicas galegas.


No caso dos Grupos con Potencial de Crecemento, aprobáronse 17 proxectos, captando un total de 1,85 millóns de euros, o que representa o 48,32% do financiamento destinado ao SUG nesta modalidade. Finalmente, no caso dos Proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente, a USC obtivo financiamento nun total de 12, é dicir, o 40% dos proxectos presentados en todo o SUG, obtendo un financiamento total de 1,1 millón de euros, o 36,83% dos fondos desta categoría.


Plan estatal

Xa no contexto estatal, a USC acadou financiamento para un total de 60 proxectos, aos que se poden engadir outros tres acadados por persoal investigador vinculado ao Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), o que supón mais do 51% do total de proxectos financiados dentro do Sistema Universitario Galego. A taxa de éxito da USC sitúase, deste xeito, no 41,10%, case 3 puntos por enriba da taxa de éxito da UDC e máis de 8 puntos por enriba da taxa de éxito da UVigo.

A USC capta máis da metade dos fondos para investigación competitiva do sistema universitario galego

Te puede interesar